Santiago de Compostela, 16 de maio de 2014.- Na véspera do Día das Letras, A Mesa pola Normalización Lingüística realiza un chamamento “a todas as persoas que aman o galego” para que participen nas mobilizacións que se realizarán mañá simultaneamente ás 12 h nas sete cidades galegas e en Foz. As concentracións e manifestacións están convocadas so o lema “Un paso adiante e outro adiante, Galiza”, en homenaxe ao coñecido verso de Xosé María Díaz Castro.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, chamou ás galegas e aos galegos a “que se activen para impedir que os dirixentes do PP acaben co noso idioma”. “Temos que dar pasos adiante sen cesar en defensa do noso, pois estes gobernos que padecemos están a desprotexer gravemente a lingua propia desta nación, até o punto de que o galego é o único idioma con rango de oficialidade no Estado español que perde falantes”, explicou.
Os actos de Queremos Galego desenvolveranse nos seguintes lugares:
A Coruña: Ao pé do Teatro Rosalía de Castro.
Lugo: Xardíns de San Roque (diante da estatua de Xoán Montes).
Ourense: Alameda (diante da estatua de Eduardo Blanco Amor).
Pontevedra: Praza da Peregrina.
Santiago: Porta Faxeira.
Vigo: Manifestación con saída de Vía Norte.
Ferrol: Praza de Armas.
Foz: Praza do Conde de Fontao.
En todos estes actos lerase o seguinte manifesto, da autoría da escritora Marica Campo: “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”
O galego é a nosa lingua. A Galiza ten unha lingua de seu que é o galego. Por isto, non podemos tolerar que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do inglés, se utilice como o seu sepultureiro. Até o Estatuto de Autonomía, que xa ten 33 anos, declara que o Galego é a lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e non precisa permiso das outras, impostas e alleas, para se mover libremente polas diversas estancias.
Todos os avances das forzas emancipadoras da humanidade foron sempre na dirección de combater a exclusión social. Agora, na tan amentada crise, denúnciase decote o aumento dos excluídos. Mais nós, galegas e galegos, levamos moito tempo vivindo unha crise particular que non é filla conxuntural da que din que se desatou hai sete anos. A nosa crise ten outros nomes e apelidos: son o noso dereito a existir como tales, a traballar na nosa terra e a facermos uso libre e estendido da nosa lingua, os que están sendo vulnerados.
A ela, á nosa lingua, foille imposto historicamente un manual de redución. A que a reduciron? Reducírona á oralidade, á fala; reducírona a unha clase social, os oprimidos carentes de todo poder de decisión; reducírona a uns lugares, as aldeas; reducírona a unha idade, os vellos.
O ano pasado lembramos que se cumprían 150 anos desde que unha muller chamada Rosalía de Castro culminara un proceso de dignificación da lingua galega, rompendo esa trampa mortal de falsa naturalidade, isto é, dun uso marxinal permitido, e elevándoa á máxima altura estética e patriótica. A partir dela e até os nosos días, a nosa lingua foi cobrando naturalidade e dignidade noutros espazos sociais e públicos a cadora máis amplos e diversos.
Somos todas e todos os que estamos aquí fillos ou descendentes deste esforzo; mais, ao mesmo tempo, responsábeis de lle asegurarmos continuidade. Neste labor, non só non contamos coa protección institucional, senón que temos que gastar o tempo a defendérmonos das ilegalidades que os poderes públicos perpetúan contra o galego.
Amigas e amigos, o tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante. Non os imos compracer. Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación. Por isto, parafraseándomos a Díaz Castro, o poeta a quen celebramos este ano, diremos:
Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, no uso da nosa lingua nas aulas, tamén como lingua vehicular escandalosamente prohibida pola Xunta para certas materias.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, lingua nosa, nos medios de comunicación e na publicidade.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, no uso do Galego pola Administración.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, porque iso é o xusto, para a nosa palabra na Xustiza.
Un paso adiante e mais outro paso adiante nas misas e demais celebracións relixiosas.
Un paso adiante e mais outro paso adiante na oferta de ocio.
Un paso adiante e mais outro paso adiante en todos os novos soportes comunicativos.
Un paso adiante e mais outro paso adiante nos transportes públicos.
Un paso adiante e mais outro paso adiante no comercio.
Un paso adiante e outro paso adiante en todas as artes e as letras.
Porque unha lingua normal é unha lingua ubicua, omnipresente, e este decálogo non nace dunha invención nosa, senón que está contido na Carta Europea das Linguas non Estatais, aceptado como lexislación superior do Estado en 2001 e igualmente presente no Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia vai para dez anos, e desprezado por quen o tiña que executar.
Debe ser a lingua obxecto de uso e de defensa todos os días do ano en todos os lugares e momentos, porque non é un adorno ou unha peza cultural: é o noso ser e precisa dunha defensa cívica e dun amor colectivo e dunha mobilización social tan potente como a que dedicamos a outros asuntos que teñen a ver co diñeiro, co traballo ou con dereitos conquistados.
O poeta Díaz Castro, escribiu nun seu poema estes versos: “Alumarei con fachas de palabras, / ancho herdo meu, o mundo que me deron”. Falar a nosa lingua é darlle luz, é dicir, visibilidade. E tamén calor, amparo social, porque a lingua non é individual e precísanos a todas e a todos para seguir nomeando o mundo desde nós.
Adiante, pois, sempre! Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, coa lingua que nos crea e que nos cría, que nos fai ser e existir.
Viva a lingua galega!
Fagámola vivir e ser útil!
É tempo de falarmos: somos nós!



















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



