José María Rodríguez- Por fin, a demanda veciñal pro residencia acadou os seus obxectivos despois de tres anos e medio de loita: dar comezo as obras da nova residencia de anciáns de Ribadeo. Acadouse a culminación dunha longa etapa de loita e esforzo veciñal apoiada por todos os nosos representantes políticos municipais que, renunciando a lexítima contenda partidista entre eles, uniron de maneira exemprar todos os esforzos no seu apoio ós veciños. Velaí un modelo a seguir en adiante na política municipal.
Á todos os veciños do noso concello, á propia Deputación Provincial e demais persoas que de xeito exemplar colaboraron cos veciños na consecución deste nobre obxectivo, e moi especialmente ó alcalde que non escatimou esforzos para facer realidade esta utopía, vaia o agradecemento por toda a colaboración prestada. Manifestamos así mesmo a esperanza de que deste pronto se verán satisfeitas as actuais necesidades de acollida dos nosos anciáns, tanto dos que están hoxe aloxados en residencias foráneas como daqueles que levan tempo agardando para ser nela acollidos, e mesmo a solución do dubidoso futuro de cantos estamos suxeitos a un incerto destino nos nosos derradeiros anos de vida.
Ben sabemos que esta nova etapa non estará exenta de obstáculos e dificultades. Sempre hai quen, por unha razón ou por outra, se empeña en poñer atrancos aos proxectos alleos. Iso foi, por exemplo, o que fixo a Federación Gallega da Construción que, en troques de adicarse a velar polo cumprimento da legalidade urbanística, tan repetidamente atropelada polas actividades construtivas dalgúns dos seus asociados mesmo nesta vila de Ribadeo, pretendía, coas súas alegacións contra a convocatoria de contratación desta obra, obstaculizar o normal desenrolo da mesma. Atrancos asemade por parte da Xunta, que o mesmo portavoz municipal do PP de Ribadeo, moi valente él, criticou. E aínda que é certo que a maioría do PP local de Ribadeo manifestou estar a favor desta demanda do pobo, a Xunta de Galicia, en cambio, co seus permanentes atrancos e comportamentos cos veciños de Ribadeo, está amosando que non é o goberno de todos os galegos. Coa súa teima contra a residencia demostra, unha vez mais, que o seu grao de colaboración cos concellos depende da cor política de cada un deles. Pois aínda que súas son as competencias da atención ós anciáns, á residencia de Ribadeo nin auga. Unha realidade á que o ribadense Victor Moro aludía cando, na súa recente conferencia impartida en Ribadeo, dicía tallante: “Con respecto a Ribadeo la Xunta de Galicia parece que no existe”.
E foi con estes atrancos como o propio Goberno da Xunta acabou tratando en clave política unha demanda veciñal que nacera allea a calquera prioridade partidista, como se demostrou co compromiso e respaldo de todos os portavoces políticos municipais a este proxecto social. Non dubidamos de que o pobo, tendo en conta o refrán que di: “mans que non dades, que esperades”, saberá poñer no seu sitio a quen preferiu antepoñer os intereses políticos do PP ás necesidades dos veciños de Ribadeo.
A Plataforma de Veciños pro Residencia sempre aspirou a facer unha residencia de maior capacidade. Que puidese dar acollida á futura poboación desta vila en permanente expansión. Tempos houbo nos que se puido haber feito, cando os ventos eran política e economicamente mais favorábeis. Pero naquel intre parece que as preocupacións dos políticos iban por outros camiños. A adversa situación económica e política na que naceu esta demanda veciñal condicionou totalmente as nosas expectativas iniciais obrigándonos a aceptar o que as circunstancias políticas e económicas actuais nos permiten facer. Agardamos que as 47 prazas de esta Residencia, sumadas as 47 das que xa dispón o Hospital-Asilo desta vila, sexan unha solución axeitada para as necesidades actuais da poboación deste Concello. No futuro, cando as circunstancias económicas e políticas sexan mais favorábeis e as vindeiras necesidades dos veciños o demanden, poderase abordar unha futura ampliación que satisfaga as esixencias da poboación do mañá.