Ribadeo, 3 de xuño de 2014. O director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester, participou en actividades formativas celebradas na provincia de Pontevedra e que foron impartidas polos prestixiosos directores de banda e compositores José Rafael Pascual Vilaplana, José María Fayós e Bert Appermont.
David Ballester estivo o pasado fin de semana en Catoira (Pontevedra) “nun curso de dirección de banda co mestre Rafael Pascual Vilaplana, un dos directores de banda máis importantes a nivel nacional, e con el estaba o compositor José María Fayós, que nos estivo explicando como analizar as partituras para despois podelas desenvolver o mellor posible. Tamén explicou a súa maneira de compoñer e deunos consellos sobre o que podemos facer o como debemos traballar á hora de compoñer obras. Co mestre Vilaplana estivemos traballando técnicas de dirección para despois desenvolvelas nas nosas bandas e corrixiunos defectos que temos”.
O director da banda de música ribadense explicou que “foi unha experiencia bastante interesante, porque un cre que o fai todo o mellor que pode, pero cando chegas a estes cursos ves que hai cousas que podes facer moito mellor. É interesante tamén porque estás con xente que dirixe outras bandas, intercambias opinións e sempre chegas a conclusións interesantes. Ademais tivemos a sorte de que en Pontevedra estaba o compositor belga Bert Appermont, que deu unha charla coloquio sobre as súas composicións e, como tamén é director, deunos consellos de dirección e despois asistimos a un concerto da banda de Pontevedra no que tocaron catro das súas obras, dirixidas por el mesmo”.
Polo tanto Ballester considera que “foi un fin de semana bastante produtivo cunhas sesións intensas, case sen descanso, para aproveitar ben o tempo. Foi unha experiencia boa, que espero poder repetir co mestre Vilaplana e con outros da súa mesma talla”.