O Seminario de Estudos do Valadouro fixo entrega este pasado martes, día 9 de setembro, dunha placa dedicada á Sociedade “Hijos del Valle de Oro en La Habana” por todo o labor de promoción cultural e educativa que leva facendo do noso Val dende hai xa cen anos. O acto levouse a cabo no Salón de Actos da Casa da Cultura “Manuel Lourenzo” de Ferreira do Valadouro e estivo presidido por Xabier Pardiñas (Presidente do SEVA), Edmundo Maseda (Alcalde do Valadouro), Emilio Lousas (Alcalde de Alfoz) e Pilar Fernández (Tesoureira da Sociedade homenaxeada). A placa rezaba: “Quen crea escolas sementa cultura, a nai da liberdade. Aos galegos da Habana, grazas por non esquecer”.
