Lugo, 28 de outubro de 2014.- O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, participou na tarde deste martes xunto co presidente da AAAG, o actor Avelino González, acompañados por diferentes actrices e actores tanto amadores como profesionais da provincia, na presentación das accións formativas Buxiganga.
O programa formativo Buxiganga está inserido nun convenio de colaboración que se asinou esta mesma tarde entre ambas entidades, tendo como principal obxectivo colaborar na creación de estruturas profesionais no eido das artes escénicas, así como axudar a manter as xa existentes.
Con esta colaboración o Proxecto Teatral Buxiganga da un paso adiante e afiánzase como referente teatral da provincia tanto no eido amador coma no profesional. En palabras do nacionalista Mario Outeiro o obxectivo último é que con esta nova andaina de colaboración coa AAAG agardamos que o gusto polo teatro en Lugo continúe a medrar, sabedores de que esta é tamén unha ferramenta para mudar o mundo no que vivimos, para conquerirmos unha sociedade máis xusta e solidaria”.
Deste xeito o programa formativo espallarase por todas as comarcas chegando a Mondoñedo, Sarria, Monforte e Lugo. Na cidade das murallas impartiranse os obradoiros de Redes sociais para actrices, actores, compañías afeccionadas e profesionais impartido pola empresa de comunicación Ganapán (14 de novembro), o obradoiro de dramaturxia RVB impartido por Paula Carballeira (ao longo de varios meses) xunto co obradoiro Be Crazy impartido por Marta Pazos da compañía galega Voadora (27, 28 de febreiro e 1 de marzo, 2015). En Sarria terá lugar un obradoiro de improvisación impartido polo actor Antón Coucheiro (15, 22 e 23 de novembro), en Mondoñedo Quico Cadaval ofrecerá un obradoiro de monólogos (13 e 14 de decembro). No sur da provincia, en Monforte, Mar Navarro impartirá o obradoiro Máscara Neutra (28, 29 e 30 de novembro) tanto para profesionais como afeccionados (por currículum vitae)
Inscrición e prazas limitadas
Todos os obradoiros teñen prazas limitadas. A inscrición para os obradoiros formativos para afeccionados, que teñen un custo de 10 € para as actrices e actores que forman parte do circuíto Buxiganga e 20 € para os demais, salvo o obradoiro de dramaturxia 20 € (actrices e actores Buxiganga) e 40 € (os demais), realizarase a través da web da Vicepresidencia Primeira (www.v1deputacionlugo.org) ou ben chamando aos teléfonos 982260180 ou no 698 192 745.
Pola súa banda a inscrición para o obradoiro Redes sociais para actrices, actores, compañías afeccionadas e profesionais, que ten un prezo de 10 € para actrices e actores da provincia de Lugo e socios da AAAG, 20 € para os demais, así como o obradoiro de Máscara Neutra, cun prezo de 50 € para actrices e actores da provincia de Lugo e socios da AAAG, 80 € para os demais, deberá facerse a través do enderezo electrónico info@aaag.es, a través do teléfono 698 192 745 ou ben a través das webs tanto da AAAG (www.aaag.es ) ou ben da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo (www.v1deputacionlugo.org). No caso do obradoiro de Mar Navarro será preciso enviar xunto co formulario de inscrición, unha fotografía recente, o currículum vitae e unha fotocopia do DNI (non será preciso no caso de ser socia ou socio da AAAG).