Lugo, 11 de novembro de 2014. O vicepresidente e o responsable de Cultura da Deputación de Lugo, os nacionalistas Antonio Veiga e Mario Outeiro, presentaron este martes no Museo Provincial o primeiro Concurso Postal do Nadal Dixital, que organiza a Vicepresidencia Primeira do organismo provincial e que vai dirixido a todos nenos de entre 4 e 14 anos que cursen os seus estudos nalgún dos centros de Primaria e Secundaria da provincia lucense. “Aínda que pareza incrible, xa temos o Nadal á volta da esquina e como nos encanta estar continuamente creando, queremos propoñer aos centros educativos que comuniquen e animen a todo o seu alumnado a participar neste primeiro concurso de postais dixitais”, comentou Mario Outeiro.
Baixo o título ‘Nadal na nosa provincia’, as creacións que se envíen deberán ter en conta o Nadal dende o punto de vista da cultura, o turismo, o benestar ou o deporte. “Convidámolos a que elaboren unha postal do Nadal utilizando as novas tecnoloxías. Calquera idea que se lles ocorra será ben recibida, sempre e cando estea relacionada coas distintas áreas que forman a Vicepresidencia Primeira, é dicir, a cultura, o turismo, o deporte ou o benestar”, explicou o responsable de Cultura e Turismo. Cada participante elixirá individualmente a temática e achegará co debuxo unha breve explicación do porqué da súa elección.
Contido orixinal, en galego e prazo de presentación
O contido do debuxo deberá ser orixinal e inédito; será de técnica libre, sempre que se presente en formato dixital; e en canto ao idioma será obrigatoriamente en galego. “O obxectivo é fomentar a participación, os valores de convivencia e a expresión artística das nosas tradicións, cultura e deporte”, sinalou Outeiro.
O prazo de presentación rematará o vindeiro 9 de decembro ás 14 horas. Os centros educativos designarán un titor ou titora que se encargarán de subir os traballos de cada unha das categorías nas que participen. Enviaranos a través da páxina web da Vicepresidencia Primeira da Deputacion (www.v1deputacionlugo.org), picando no banner do concurso e indicando todos os datos que se solicitan no formulario de envío. Unha vez resolto o premio, requiriráselle aos centros os datos persoais de cada participante.
Todos os traballos presentados serán expostos na devandita páxina web dende o día 18 ao 22 de decembro, ambos os dous días incluídos. As postais poden ser con ou sen animación, pero en ningún caso poderán pesar máis de 1MB. “Na paxina web da Vicepresidencia estarán dispoñibles as bases e toda a información para que os centros e, polo tanto, os rapaces participen”, afirmou Outeiro.
Tres categorías en función das idades
O concurso dividirase en tres categorías, tendo en conta as idades dos participantes. Para cada franxa de idade estableceranse diferentes premios e todos os participantes recibirán un diploma alusivo á súa participación. A primeira categoría abranguerá aos nenos e nenas dende os 4 aos 6 anos. O autor ou autora da mellor postal será obsequiado cun xogo didáctico, un pendrive, un lote de libros, un suadoiro, lapiseiros de cores e material divulgativo. O segundo levará un pendrive, un lote de libros e lapiseiros de cores. Pola súa banda, o terceiro recibirá un pendrive e lapiseiros de cores.
Na segunda categoría participarán os nenos e nenas entre os 7 e os 9 anos. O primeiro premio consistirá nun pendrive, un lote de libros, un suadoiro e material divulgativo; o segundo nun pendrive, suadoiro e material divulgativo da Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo; mentres que o terceiro comporase dun pendrive e material divulgativo.
Finalmente, na terceira categoría competirán as postais dos estudantes dende os 10 aos 14 anos. O autor ou autora da mellor levará un pendrive, un lote de libros, un suadoiro e material divulgativo; o segundo un pendrive, un lote de libros e material divulgativo; mentres que o terceiro será obsequiado cun pendrive e material divulgativo.
Premio especial á mellor postal
A mellor postal do Nadal recibirá un premio especial (non poderá recibir outro premio na categoría á que pertenza) que premiará tanto ao autor ou autora como a todos os seus compañeiros de curso do seu centro. O premiado será obsequiado cunha tablet de última xeración, un pendrive, un suadoiro e material divulgativo. A maiores, as compañeiros e compañeiros do mesmo curso e centro (incluiranse todas as clases que pertenzan a ese curso: A, B, C,…) do gañador ou gañadora serán agasallados cunha viaxe cultural pola provincia de Lugo, con todos os gastos pagados: transporte, almorzo, actividades, etc.). Así mesmo, a postal gañadora será a tarxeta coa que a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo felicitará estas festas do Nadal.
Fallo do xurado
O fallo do xurado, que será inapelable, efectuarase o día 15 de decembro e a entrada dos premios levarase a cabo nun acto público o 18 de decembro no Museo Provincial de Lugo. O xurado estará presidido polo delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro; e acompañarano o delegado de Benestar e Deporte, Antonio Veiga; o gañador do primeiro Premio de Fotografía Contemporánea; o xefe de Servizo de Benestar e Deporte; a xefa de Servizo de Cultura e Turismo; a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro; e o responsable de Normalización Lingüística.