Burela, 13 de novembro de 2014. O pleno do Concello de Burela pretende refinanciar o crédito de pago anticipado a provedores concertado en xuño de 2012, e “que foi necesario para abonar as facturas que o bipartito deixou sen pagar e sen consignación presupostaria, un total de un millón trescentos mil euros”, indicou o alcalde, José María González Barcia.
Barcia afirmou que “aínda que se fixo unha nova refinanciación hai uns meses, baixando o tipo de interese ó 4’14%, e conseguindo un ano máis de carencia, o Goberno do Estado resolveu hai pouco que os concellos que estamos suxeitos ao indicado pago anticipado a provedores podemos volver a refinanciar o crédito a través dunha entidade financieira privada”.
“Iso pode provocar unha rebaixa considerable dos intereses a abonar, polo que vimos de aprobar un prego de condicións que remitiremos ás entidades bancarias afincadas en Burela para que nos presenten as correspondentes ofertas”, manifestou o rexedor.
José Mª González Barcia criticou aos grupos da oposición: “estes señores teñen moi pouca vergoña: xeraron a débeda, e onte dinnos que non lles deamos a paliza con este asunto da débeda e do préstamo. Resulta moi pouco gratificante que os mesmos que xeraron o problema agora non queiran falar del, e por riba tentan culparnos a nós da situación. Este alcalde e o grupo que o apoia está facendo todo o posible para minimizar os efectos desa débeda xerada polo bipartito na poboación. Se eles tiveran un mínimo de decencia política, apoiarían a refinanciación que nós propuxemos, e resulta que non o fan. Parécenos patética a súa actitude”.
Noutra orde de cousas, “e ante a inminencia da posta en marcha da administración electrónica no noso Concello, modificamos as bases de execución do presuposto, para que as facturas de hasta 5.000 euros queden exentas de seren presentadas en formato electrónico. Confío en que a finais de ano xa contemos con esta ferramenta, que sen dúbida proporcionará máis transparencia, eficacia e eficiencia ao traballo da institución municipal”, afirmou José María González Barcia, que indicou que “inexplicablemente, a oposición abstívose, cando resulta que onde gobernan están facendo o mesmo. Deberían explicarlles aos provedores o porqué deste comportamento tan absurdo”.
Finalmente, Barcia dixo que “se ten aprobado unha modificación de crédito para xerar partida suficiente con 15.000 euros adicionais, para facer fronte ao pago da obra do POS-2013, a obra de saneamento do campo de fútbol de herba artificial, imprescindible para facer os novos vestiarios. A oposición, cando foi goberno, non pagaba, de aí a débeda que deixaron; e agora resulta que votan en contra de que o Concello pague: non se entenden nin eles, tal e como se demostrou no pleno de onte, no que parece que algunha compañeira non lle fai moito caso ao portavoz socialista, xa que tamén quería falar, e falou, abofé, para demostrar o que por desgraza xa todos sabíamos, absoluta falla de criterio, seriedade e rigor”.