Ribadeo, 11 de novembro de 2014. A asociación Amadores da Música deu a coñecer este martes o fallo do concurso de debuxo no que participaron alumnos dos centros educativos ribadenses Gregorio Sanz e Sagrado Corazón. En total hai sete premiados, entre os que se atopan catro alumnos do Gregorio Sanz e tres do Sagrado Corazón. No Gregorio Sanz alzáronse coma gañadores Brais Varas Fernández (3º de Primaria), Ana Cajigal Barreira (4º de Primaria), Sheila Tatiana Carrasco Guzmán (5º de Primaria) e Estela Bravo Montero (6º de Primaria). No Sagrado Corazón as seleccionadas foron as alumnas de 5º de Primaria María Rodríguez Cela e Carmen Ramos Alonso, e a alumna de 6º Carlota López González. Os debuxos gañadores serán utilizados para ilustrar os carteis e programas de man nos vindeiros concertos da Banda de Música Municipal de Ribadeo. O primeiro debuxo será utilizado para anunciar o concerto do día 22 deste mes no Cine Teatro para celebrar a festividade de Santa Cilla.
O presidente de Amadores da Música, José Luis Pulpeiro, comentou que “a nosa asociación quere agradecer aos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz o esforzo realizado co fin de levar a cabo este concurso de debuxos co tema A música. Trátase dun concurso que esta asociación lles propuxo ás direccións dos dous centros no mes de maio e que gustosamente aceptaron, feito polo que lles damos as grazas a todos e todas. Debido á gran participación dos dous colexios vímonos na obriga de escoller entre tantas obras de arte sete debuxos, que serán utilizados como carteis anunciadores dos concertos da Banda de Música Municipal de Ribadeo, así coma nos programas de man. O primeiro deles será utilizado no concerto de Santa Cilla que se celebrará o día 22 de novembro ás 20:30 horas no Cine Teatro. Os seis debuxos restantes iranse utilizando nas próximas actuacións. Neste concerto de Santa Cilla farase entrega dun agasallo a cada un dos debuxantes elixidos”.
Pulpeiro explicou que “o criterio utilizado para a publicación do debuxo neste concerto de Santa Cilla non foi outro que a relación coa temática do recital que se presenta. Ademais, dende a asociación queremos aclarar que non foi a nosa intención actuar de xurado nun terreo descoñecido para nós coma pode ser a pintura; por iso pedimos desculpas e esperamos que o fallo sexa compartido por todos”.
O presidente de Amadores da Música aproveitou a ocasión para anunciar que “despois deste concerto de Santa Cilla estamos pendentes tamén en primeiro lugar do concerto Aquí como en Viena, que se celebra o día 28 de decembro, e en segundo lugar do benéfico que se será o 3 de xaneiro. Esperemos que sexan do agrado de todos.”