Burela, 17 de novembro de 2014. A Concellería de Servizos Sociais e Sanidade organiza o seu XIII Certame de Debuxo e Pintura con motivo da celebración do Día Mundial da Sida. Con el pretende concienciar á poboación en xeral, e especialmente á xente máis nova, sobre o VIH-SIDA, a súa prevención e a capacidade de ser solidarios coas persoas que padecen esta enfermidade. No concurso poderán participar tódolos rapaces do concello de Burela que teñan entre 12 e 20 anos e entreguen os seus debuxos orixinais antes do 25 de novembro, nos centros de Ensinanza Secundaria da localidade ou na Unidade Asistencial de Drogodependencias de Burela (Rúa Laxelas s/nº).
Diana Durán, concelleira de Servizos Sociais e Sanidade informou que “nesta XIII edición do Certame de Debuxo e Pintura haberá premios en dúas categorías: rapaces de 12 a 15 anos e mozos de 16 a 20. E teremos unha categoría especial para membros de Eu Son e da Asociación A Mariña. Os agasallos consistirán na publicación dos debuxos seleccionados por parte do Concello conmemorando o Día Mundial da Sida, así coma na entrega dun premio de 50 euros en cada categoría. Os traballos deberán ser orixinais e estar baseados na técnica do debuxo libre, respectando sempre as cores fortes e os perfiles ben delimitados. As medidas dos debuxos terán que corresponderse co tamaño dun folio DIN A4, en posición vertical”.
Os debuxos poderán entregarse nos centros de Educación Secundaria da localidade ou na Unidade Asistencial de Drogodependencias de Burela, antes do martes 25 de novembro. Este día as dependencias de dita Unidade permanecerán abertas de 9 a 15:30 e de 17:30 a 20:00 horas. Os traballos deberán presentarse sen asinar, acompañados dun sobre pechado cos datos persoais do autor. A organización resérvase o dereito a facer as modificacións oportunas que poidan contribuír ao mellor desenvolvemento do certame, así coma o dereito a quedarse cós traballos presentados para publicar as mostras orixinais si fora o caso. Tamén aclaran desde a Concellería de Servizos Sociais e Sanidade que a participación neste certame supón a aceptación das presentes bases e decisións do xurado, renunciando a presentar calquera reclamación posterior.