A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, anunciou este mércores no Pleno do Parlamento “a posta en marcha do Hospital de Día de Oncohematoloxía no Hospital da Costa que atenderá mañá as primeiras consultas”.
Nun primeiro momento, comezará a funcionar un día á semana, atendendo aos pacientes oncolóxicos do servizo de Cirurxía. Posteriormente, unha vez comprobado o seu correcto funcionamento, irase aumentando o número de servizos e patoloxías oncolóxicas a tratar no hospital.
A nova área estará atendida por oncólogos adscritos ao servizo de Oncoloxía do HULA e o servizo prestarase en coordinación cos facultativos de cada unha das especialidades do Hospital da Costa que participen na unidade.
Segundo declarou a conselleira, esta nova dotación do Hospital da Costa “é unha demostración máis de que a xestión integrada non fai máis que beneficiar as áreas ata o de agora menos dotadas, así como fomentar a colaboración entre profesionais, todo elo en beneficio dos pacientes”.
Segundo as previsións de actividade, estímase que atenderá a uns 240 novos doentes cada ano, aos que hai que sumar todas as consultas de seguimento, revisións, controis e administración de tratamentos que necesitan.
Neste senso, o servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario LucusAugusti atendeu, durante o 2013, a 50 pacientes novos da área sanitaria de Cervo, que consta de 14 concellos cunha poboación total de 71.353 habitantes.
Outra adaptación de espazos relacionada con esta é a que fixo posible a posta en marcha do novo servizo de Hospitalización a Domicilio que, en menos dun ano da súa posta en marcha xa atendeu a 129 pacientes, dos que o 60% eran infecciosos.
Así, o Servizo Galego de Saúde investiu nos últimos 5 anos máis de 2,2 millóns de euros “a pesar das dificultades derivadas da crise económica e sen ter en conta as futuras actuacións derivadas do plan director do Hospital da Costa, recentemente presentado”, subliñou Mosquera.