Barreiros, 13 de novembro de 2014. O Colectivo Cultural Ollomao continúa levando cultura aos bares e tabernas de Barreiros. Nesta ocasión, en forma de pequenas obras de teatro que representarán as persoas que toman parte no grupo de teatro do colectivo e que se interpretarán tomando por escenario as tabernas e bares da parroquia de San Cosme.
Despois da estrea do formato o pasado venres en San Xusto, este venres tócalle o turno a San Cosme, onde o grupo teatral actuará ás 21.00 horas no Café-Bar Moderno e ás 22.00 horas na Cafetería do Centro Social.
Desde o Colectivo valoran positivamente a recepción que tivo a actividade no seu estreo e aseguran que continuarán “sacando as actividades culturais dos lugares habituais nos que se desenvolven e achegándoas á xente, á vez que pretendemos contribuír á dinamización da hostalaría local e da vida social nas parroquias.”
“Co feito de representar dúas pezas en dous lugares distintos, pero próximos entre eles, pretendemos que a xente que asista como público se desprace a ambos locais e fomentar un ambiente social e cultural animado na parroquia”, afirma a presidenta de Ollomao, Tamara Rubiños.
Esta actividade súmase a outra iniciativa presentada no pasado mes de outubro: os xoves universitarios que, baixo o formato dunha charla distendida, achegan temas de actualidade e debate social á xente mentres poden saborear algunha consumición na hostalería local
Desde Ollomao insisten en agradecer ao sector a boa disposición que amosaron en todo momento, así como a colaboración absoluta coa que se atoparon desde o primeiro día no que plantexaron as ideas.
Durante os venres do mes de novembro, Ollomao continuará achegando o teatro a bares e tabernas das distintas parroquias con actuacións máis breves que as obras convencionais e nun ambiente máis desenfadado que o dos teatros de butacas. Igualmente, á vista da boa acollida, desde o colectivo non descartan repetir as actividades noutras datas para tratar de cubrir todos os establecementos.