Foz, 19 de novembro de 2014. A Concellería de Cultura de Foz presentou catro actividades culturais para este fin de semana. O venres 21 ás 21.30 horas no Centro Social de Santa Cilla os veciños poderán seguir gozando do Ciclo de Teatro nas Parroquias coa posta en escena da obra Apreta pero non afoga, da compañía A Adala. Ese mesmo día inaugurarase a exposición Culturas en diálogo: Lugo-Arxentina baixo as liñas de Museoloxía social e do diálogo intercultural no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA). Xa o sábado ás 20.00 horas na Sala Bahía a Banda de Música de Foz ofrecerá un concerto englobado dentro do I Festival de Bandas de Música A Capela. E o sábado 22 de novembro ás 20.30 horas no local da Asociación de Veciños de San Martiño o grupo de teatro O Batán representará a súa obra Retiractivos.
A exposición Culturas en diálogo: Lugo – Arxentina baixo as liñas de Museoloxía social e do diálogo intercultural será inaugurada ás 19.00 horas do venres no CENIMA de Foz coa presenza do alcalde focense, Jorge Javier Castiñeira, e do vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Veiga. Antes, ás 17.00 horas comezará un programa de actos en torno a esta exposición e ao proxecto que recibe o mesmo nome, no que participará a doutora en Historia Érica Sarmiento da Silva, profesora na Universidade do estado de Río de Xaneiro, así coma na Universidade Salgado de Oliveira, e coordinadora do Laboratorio de Estudos de Imigração.
Posteriormente, Radio Foz retransmitirá un programa especial dende o propio CENIMA en torno á temática da emigración nas ondas. Nel participarán a Asociación de Rioplatenses de Lugo; a documentalista Pilar Sánchez; o artista Xosé Reigosa; a coordinadora deste proxecto, Encarna Lago; o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antón Veiga; e rapaces que estudan Artes no IES Monte Castelo de Burela. O acto estará aberto a todos aqueles que se queiran achegar ó CENIMA a compartir as súas experiencias sobre a inmigración cos participantes.