Cervo, 12 de decembro de 2014- A asociación cultural Arroutados inicia por segundo ano consecutivo unha campaña de recollida solidaria de xoguetes, “para achegar a ilusión do Nadal aos nenos e nenas que máis o necesitan”, tal e como explica o presidente de Arroutados, Marcos González, que este venres presentou a iniciativa xunto aos representantes das diversas entidades colaboradoras, como son o Concello de Cervo (asistiu a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada), Pasiño a Pasiño, Asociación A Sombriza, Mulleres de San Ciprián e Cruz Vermella.
A recollida farase ao longo da semana que vén, en dous puntos diferentes; do 16 ao 19 na Casa do Concello (de 9 a 14 h.) e o día 20 na Casa do Mar (de 11 a 13 e de 16 a 19 h.). As persoas que queiran colaborar poden levar os seus xoguetes usados e en bo estado a un deses dous puntos. Despois será a Cruz Vermella a que se encargue de xestionalos e de facer o reparto polos fogares. Hai que destacar que esta campaña está organizada e impulsada por Arroutados pero os xoguetes serán entregados a familias dos concellos da Mariña.
Marcos González destacou a “excelente acollida” que tivo esta mesma campaña o ano pasado agardando que se repita nesta segunda edición “para conseguir que todos os nenos e nenas da Mariña teñan agasallos este Nadal”. Pola súa banda, Pilar Armada agradeceu tanto a Arroutados como ás demais entidades colaboradoras “a súa implicación con esta boa causa” e animou a todas as familias que teñan xoguetes que xa non utilizan “a ser solidarios”.