Lugo, 26 de decembro de 2014. O voceiro do BNG e responsable das áreas de Cultura e Turismo, o nacionalista Mario Outeiro, anunciou esta mañá na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que “hoxe se deu o último paso a nivel administrativo para o regreso da colección de ourivería prerromana coñecida como ‘Colección Álvaro Gil’, ao abeiro do acordo entre a Deputación e os herdeiros do coñecido filántropo lucense e ratificado no pleno de 24 de xuño de 2014”, informou.
Outeiro lembrou que o acordo se sustenta en tres piares. “O primeiro é o aboamento aos herdeiros de Don Álvaro Gil das cantidades debidas en concepto de custas e gastos xudiciais, derivados dos procedementos relacionados coa colección, por un importe de 600.000 euros tras a xustificación documental pertinente por parte dos secretarios dos tres órganos xudiciais, 1ª Instancia, Audiencia e Tribunal Supremo”, recordou.
O seguinte paso, ao que se lle deu o visto bo este venres, é a “adquisición da colección de ourivería, un total de 40 pezas, polo importe da taxación encargada pola Deputación de Lugo, é dicir, 2.346.200 euros, en cinco anualidades, comezando no 2014 e rematando no 2018”, apuntou o delegado de Cultura e Turismo do organismo provincial.
Mario Outeiro concretou que o lote máis pequeno é o de 2014. “Os lotes máis grandes son os dos seguintes anos, que están todos ao redor dos 600.000 euros”, sinalou. Neste primeiro lote, que ascende a un custo de 6.000 euros, inclúense as arracadas da Valiña (Masma) e Burela, unha espiral de cabelo fragmentada e os arames de ouro 1 e 2.
O segundo lote, para o ano 2015, componse de 10 pezas e un custo total de 568.500 euros. O do 2016 ascende a 568.600 euros (6 pezas), o cuarto lote (2017) componse de 15 pezas e unha taxación de 583.000 euros, mentres que o último, para anualidade 2018 ten 4 pezas e un custo total de 584.100 euros.
O responsable de Cultura e Turismo explicou que “a colección será posta a disposición da Deputación Provincial de Lugo, na súa totalidade, nun prazo máximo de sete días desde a sinatura do contrato definitivo”, afirmou Mario Outeiro.
Renuncia dos herdeiros a calquera acción administrativa ou civil
Así mesmo, recordou que o acordo plenario establece que “os herdeiros de Álvaro Gil, simultaneamente á sinatura de contrato de compravenda, realizarán a renuncia a establecer calquera acción, administrativa ou civil, que puidera ter lugar en relación coa colección que se transmite, desistindo do iniciado con data 30 de maio de 2014, ante a Deputación Provincial de Lugo, en concepto de reclamación de responsabilidade patrimonial por danos e prexuízos, renunciando a calquera dereito que lles puider asistir en tal concepto”, remarcou Mario Outeiro.