A Deputación de Lugo aprobou este venres na Xunta de Goberno unha declaración institucional coa que reivindica ao Goberno central e á Xunta de Galicia solucións viables e a longo prazo que garantan a viabilidade da planta de Alcoa en San Cibrao, fixando para elo un prezo da enerxía que sexa, non só competitivo, senón tamén estable no tempo.
A institución tomou a iniciativa ante “a preocupante situación que atravesa a industria, que perdeu 50.000 empregos nos últimos cinco anos en Galicia, a comunidade española co peor índice de produción industrial, unha situación que se agrava aínda máis co posible peche da planta de Alcoa na Coruña, que ameaza preto de 400 empregos, e deixa na incerteza a fábrica de San Cibrao, un dos motores económicos, de cuxa actividade dependen máis de 2.000 familias e que representa o 35% do PIB lucense”.
A Deputación de Lugo, xa no ano 2012, cando o futuro de Alcoa estaba outra vez no aire, acordou por unanimidade do Pleno reclamar a fixación dunha tarifa eléctrica reducida para a factoría. “Faciamos propias, deste xeito, as reivindicacións dos traballadores da planta cervense a través do seu comité de empresa, que solicitaban o establecemento dunha tarifa enerxética que resultase realmente competitiva”, segundo recolle a declaración institucional.
“Lonxe de atopar solucións a longo prazo, o Goberno central optou por medidas curtoplacistas, apostando por un novo modelo de poxa enerxética que resulta, a todas luces, insuficiente e inxusto, xa que non asegura a igualdade de condicións para os grandes consumidores como Alcoa, para a que o gasto eléctrico representa o 40% dos custes de produción”.
“A fábrica de San Cibrao é a máis competitiva de Alcoa en España grazas á súa innovadora tecnoloxía, o que lle permite acadar un certo aforro nos custes de produción e que a ten salvado, ata o de agora, de expedientes de regulación de emprego. O que non sabemos é por canto tempo. A maiores, Galicia é un país excedentario en enerxía, polo que é incomprensible que as industrias instaladas no territorio galego teñan problemas coas tarifas eléctricas”.
“Por todo isto, a Deputación fai súas novamente as reivindicacións dos traballadores de Alcoa instando ao Goberno central a abandonar medidas improvisadas e temporais e adoptar solucións viables a longo prazo, fixando un prezo da enerxía que sexa, non só competitivo, senón tamén estable no tempo, asegurando así os investimentos e a viabilidade da factoría de Alcoa en San Cibrao. A institución provincial demanda tamén que a Xunta de Galicia se implique e medie ante o Goberno central para chegar a unha solución clara, eficaz e inmediata, así como a facer as xestións oportunas dentro das súas responsabilidades de goberno para alcanzar un marco estable da enerxía a un prezo competitivo”.