Cervo, 12 de decembro de 2014- O edil de Deportes, Luis Guillén lamenta que “a Deputación anuncie que vai construír un novo campo de fútbol na Fonsagrada o mesmo día que o PSOE de Cervo se negou a pedir axuda á Deputación para o campo da Veiga”. Guillén lembra que o grupo socialista “non quixo pedirlle colaboración ao Goberno Provincial pero a súa portavoz ben que votou a favor das obras na Fonsagrada”.
O responsable de Deportes asegura que “non só a Deputación nos nega toda a axuda que solicitamos, senón que ademais xa dende o PSOE de Cervo poñen trabas para que as nosas peticións non se escoiten no Goberno Provincial”.
Ao mesmo tempo, o grupo de goberno pídelle aos socialistas que sexan “máis coherentes nas súas peticións”. “Reclaman un plan de emprego cando o Concello leva tres anos seguidos ofrecendo medidas pioneiras neste ámbito”, explican. “Pero ademais, foi a propia portavoz do PSOE a que votara para que Cervo quedase fóra dun plan de emprego da Deputación”. Desta forma, a señora Méndez “pídelle ao Concello que fomente o emprego mentres a Deputación lle nega o emprego aos cervenses”, o cal demostra “a deslealdade da voceira socialista cos seus propios veciños”.