Mondoñedo, 15 de decembro de 2014. A cidade episcopal volve a recuperar o festival de panxoliñas que celebrou durante moitos anos, a cita é este mércores 17 de decembro ás 20.30 horas no Auditorio. Xulia Nogueira, profesora da escola de música municipal sinala que “despois de longos anos de esquezemento, imos retomar coa axuda da recén creada asociación de pais nais e alumnos da escola de música, o tradicional concerto de panxoliñas”.
Nogueira explica que para este evento “vaise contar coa participación de diferentes grupos, creados con ilusión para este concerto, tamén cunha agrupación do colexio público Alvaro Cunqueiro Mora da nosa cidade, liderados polo seu mestre de música ,Luis, quen dende que lle propuxemos esta iniciativa amosouse encantado”, dixo.
A profesora relata que para realizar este festival “tentamos recoller panxoliñas tradicionais da comarca, e tivemos axuda e colaboración dos nosos veciños, Clara Posada, Sonia Cabanas ou Mariam Salgueiro Castro, que gustosas achegaron aqueles temas que coñecían da súa mocidade”. Xulia Nogueira fai un chamamento a participación “a tódolos veciños/as de Mondoñedo e arredores”, e tamén quere dalas grazas “a todos aqueles que de xeito lúdico están apoiando este evento, e en especial a asociación de pais, nais e alumnos da Escola de Música O Pallarego”.