Riotorto, 3 de decembro de 2014. O alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, afirma que o anuncio do PP de que vai solicitar un pleno extraordinario da corporación municipal sobre as obras da estrada Riotorto-Marco de Álvare “é para desviar a atención e intentar tapar o seu fracaso e a súa burla ós veciños de Riotorto na xestión da praza de médico vacante no centro de saúde, que segue a día de hoxe cun só un facultativo”. O rexedor municipal tamén manifestou que “para o goberno local é urxente o asunto da estrada Riotorto-Marco de Álvare; e proba disto é que estamos semana si e semana tamén na Deputación Provincial interesándonos por solucionar este problema. A paralización responde a causas estritamente meteorolóxicas, xa que tan pronto o tempo o permita a estrada rematarase nun 95% do seu trazado; é cuestión dun mes de traballos”.
“O que pretende o Partido Popular agora é tapar o tremendo fracaso da súa xestión relativa á falta dun médico no centro de saúde de Riotorto, pois a Consellería de Sanidade tivo que rectificar a decisión que tiña adoptada de suprimir esta praza, aínda que agora queiran atribuírse uns méritos que non lle corresponden ó PP senón aos veciños de Riotorto. Que saiban que os veciños de Riotorto somos adultos, non somos nenos que se contenten cun caramelo ata que pasen as eleccións, porque a realidade é que seguimos cun só médico e ninguén nos garante que Riotorto vaia contar con dous despois de maio”, explicou Federico Gutiérrez, quen ademais lembrou que “se recolleron 1.500 firmas, que vamos entregar proximamente á delegada da Xunta en Lugo, quen aínda non nos recibiu como tampouco o fixo a conselleira de Sanidade. Os veciños de Riotorto non imos admitir burlas nin da Xunta nin dos representantes do PP no noso concello ”.