Barreiros, 26 de decembro de 2014. O BNG convoca en Barreiros unha asemblea aberta á que convida a asistir a todas as persoas que teñan “interese en cambiar o rumbo do concello e en plantexar alternativas e solucións.” A xuntanza celebrarase mañá, sábado 27, ás 16:30 horas, no centro sociocultural de San Cosme.
Con este acto, a formación nacionalista pon a vista nas eleccións do vindeiro ano e aposta por abrir un proceso de participación cidadá para o que non se pide outro requisito que “ganas de aportar e cambiar de rumbo a este concello, cada día en peor situación como consecuencia das políticas e a xestión aplicadas polo goberno do Partido Popular.”
“Queremos que Barreiros cambie de rumbo, que poida aproveitarse o seu potencial para crear riqueza e garantir calidade de vida ás veciñas e veciños”, asegura a portavoz municipal, Ana Ermida. “E pretendemos que o proceso de cara ás municipais sexa participativo e que todas as persoas, sen necesidade de carné de ningún tipo, que teñan interese en cambiar este concello poidan sentirse parte dese proceso de cambio que representa o BNG”, asegura.
O BNG convoca á veciñanza de Barreiros a participar nesta primeira asemblea aberta na que se falará de alternativas a construír no concello e da situación real do mesmo.