Santiago, 20 de xaneiro de 2015- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará a todo o litoral da Comunidade galega a partir da noite deste martes.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espérase a partir das 21.00 horas no noroeste e oeste da provincia da Coruña, mar combinada do noroeste de 5 a 6 metros, con posibilidade de superar os 6 metros na tarde de mañá. A partir das 03.00 horas de mañá no suroeste da Coruña, Lugo e Pontevedra espérase mar combinada do noroeste de 5 a 6 metros
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Tamén recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.