Burela, 4 de xaneiro de 2015. “O Concello de Burela recibe á selección nacional absoluta de fútbol sala masculino cos brazos abertos e con moito calor humano e deportivo”. Así se expresou o alcalde burelés, José María González Barcia, para describir o ambiente que se respira na localidade con motivo da disputa do encontro entre a selección nacional e a súa homónima de Ucrania.
González Barcia recoñeceu que “grazas a este evento, Burela será de novo, por unhas horas, a capital do fútbol sala nacional, xa que un encontro da selección, por moi amigable que sexa, pon á localidade na que se disputa no mapa do deporte nacional, polo que este Concello está e estará eternamente agradecido a todas as institucións que fan posible que ‘A Roja’ de fútbol sala xogue por terceira vez un partido na nosa localidade, desde o Burela Pescados Rubén, ata a Federación Española, pasando pola Federación Gallega, porque para un municipio de dez mil habitantes acoller un encontro internacional sempre significa un reto pero tamén un orgullo”.
O alcalde burelés agarda que “o pavillón Vista Alegre estea cheo de afeccionados que co seu ánimo lle demostren á selección que vale a pena vir a Burela porque aquí sempre atopan e atoparán o calor e o cariño da afección ao deporte, especialmente ao fútbol sala”.
Barcia non se esqueceu “da cantidade de eventos vencellados co fútbol sala nacional celebrados no noso concello nos últimos anos: campionato de seleccións territoriais femininas sub-17, Copa de España de fútbol sala feminino, etc, que xunto co bo facer do Burela Fútbol Sala Pescados Rubén, dobre feminino liga-Copa na temporada 2012-2013 e disputa da Copa por primeira vez nesta temporada en categoría masculina, axudan a promocionar o deporte de base e a poñer a Burela no mapa do deporte nacional”.
O rexedor finalizou indicando que “o Concello seguirá colaborando na medida das súas posibilidades en todo aquilo que teña que ver coa difusión do nome de Burela a través do deporte, tamén na organización de eventos coma os indicados, tal e como o viñemos facendo hasta o momento”.
O partido que disputarán as seleccións de España e Ucrania dará comezo ás 17.00 horas deste luns, no pavillón Vista Alegre.