O Burela FS Pescados Rubén estrea 2015 en Vista Alegre co último derbi galego da primeira volta e a falta de tres citas para chegar ao ecuador ligueiro. Poio Pescamar, sexto clasificado (21 puntos) será o rival das laranxas, que non xogan no feudo mariñano desde finais de novembro. A cita comezará ás 16.00 horas.
Despois do parón do Mundial de Costa Rica e as festas navideñas, co desprazamento a Majadahonda (4-4) no medio, o principal obxectivo das pupilas de Quico Otero, que custodian a terceira praza do podio (28 puntos), é recobrar o ritmo: “O máis importante é volver coller rápido o noso nivel e un equipo forte como Poio é o mellor aliciente” adiantaba o técnico burelista facendo fincapé nas virtudes das pontevedresas: “É un rival de gran solidez defensiva. Deberemos ter moita paciencia en ataque porque calquera erro pode propiciar unha contra perigosa. Ademais, cando non teñamos a posesión, debemos exercer unha boa presión para que non xoguen con facilidade ao pívot” explicaba así Quico Otero as claves para sacar un resultado positivo este sábado.
Á baixa de Bea Mateos, que se recupera da súa esguince de xeonllo, súmase a ausencia de Paula, que sufriu un esguince de nocello na clasificación con Galicia Sub 21 na primeira fase do Campionato de España de Seleccións Territoriais o fin de semana pasado en Ourense (Galicia 8-0 Madrid, Aragón 1-8 Galicia). Tampouco estará Maite, sancionada cun partido de suspensión por protestar na última cita de 2014, en Majadahonda.
Convocatoria Burela Pescados Rubén: 1. Jozi, 3. Cristina, 5. Claudia, 7. Peque, 9. Gaby, 10. Lara, 11. Kiko, 13. Patri, 18. Shiori, 20. Tainã. Baixas: Bea Mateos e Paula, por lesión, Maite, por sanción.
Copa Galicia
O Burela FS Pescados Rubén xogará a segunda eliminatoria da Copa Galicia o vindeiro mércores, 14 de xaneiro, na pista do Cidade As Burgas, segundo clasificado en liga (Os Remedios, 20.30 horas)