Santiago, 13 de xaneiro de 2015.- A Consellería do Medio Rural e do Mar, en coordinación cos servizos de emerxencia, retirou no 2014 un total de 572 niños de Vespa Velutina, especie invasora que afecta á produción apícola ao atacar ás abellas. En total, foron 946 niños confirmados en diversos municipios, pero 374 dos casos non puideron ser retirados por resultar inaccesibles.
Con motivo de seguir traballando no Plan de Vixilancia e Control fronte a Vespa Velutina, nos vindeiros días terá lugar unha reunión de coordinación entre persoal da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes e da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar; da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Consellería de Medio Ambiente, con todos os delegados territoriais da Xunta e as asociacións apícolas de Galicia. A esta xuntanza tamén asistirá persoal da Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP e nela estudaranse os traballos xa realizados e a levar a cabo neste 2015 co fin de minimizar os prexuízos causados por este insecto.
O procedemento establecido polo departamento que dirixe Rosa Quintana no pasado ano desenvolveuse en dúas vertentes. Por un lado, a detección precoz da existencia da Vespa velutina nun determinado territorio e, por outro, a eliminación da mesma no menor tempo posible alí onde de detectou.
Así, estableceuse unha rede de vixilancia entomolóxica estendida por todo o territorio, mediante o trampeo selectivo e regulado destes insectos, facendo maior fincapé en zonas onde xa existían evidencias de presenza en anos anteriores. Dos 946 niños confirmados, 129 correspondían á provincia de A Coruña, 623 á provincia de Lugo, 1 á provincia de Ourense e 193 á provincia de Pontevedra. As zonas máis afectadas corresponden ao norte das provincias da Coruña e Lugo e ao sur de Pontevedra.
Con respecto ás tarefas de control e eliminación de vespas e niños, procedeuse á supresión física de niños, o trampeo de vespas obreiras ao longo do todo o ciclo biolóxico anual deste insecto e o trampeo selectivo de raíñas. Así, cómpre destacar o elevado número de exemplares capturados -na súa meirande parte na Mariña lucense-, entre os cales destacan as futuras raíñas, potenciais que darían lugar a unha nova colonia na tempada 2015.
Paralelamente aos traballos en campo, realizáronse actividades de formación e divulgación dirixidas ás unidades da Xunta, apicultores, concellos e público en xeral. Así mesmo, incorporouse información sobre o programa de vixilancia e control deste insecto na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar e realizáronse programas divulgativos na Televisión de Galicia.
Axudas a apicultura
Ademais a Consellería do Medio Rural e do Mar realiza outro tipo de accións para por en valor o sector apicultor galego. Unha delas é a convocatoria de axudas que publicou onte o Diario Oficial de Galicia para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura.
A estas axudas o departamento que dirixe Rosa Quintana destina 400.000 euros, cofinanciados nun 50% polo FEAGA da Unión Europea, nun 25% polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e nun 25% pola Consellería do Medio Rural e do Mar. Poderán ser beneficiarios delas os titulares de explotacións apícolas ou cooperativas dedicadas a esta actividade, organizacións representativas e asociacións de apicultores inscritos no rexistro oficial apícola da Comunidade Autónoma con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2014.
Os solicitantes deberán dispoñer dun seguro de responsabilidade civil, ser titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, ter realizada a declaración censal anual referida ao ano 2014 e realizar polo menos un tratamento ao ano fronte a enfermidade da varroase. Entre os gastos subvencionables figuran actuacións como a asistencia técnica aos apicultores, a loita contra a varroase ou a racionalización da trashumancia.
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir deste martes, o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.