Medios de comunicación nacionais fanse eco da situación de discriminación que sofren os lucenses, ao seren os únicos galegos sen servizo de Radioterapia na súa provincia, e que denuncia a Deputación de Lugo en apoio a miles de cidadáns que reclaman esta prestación sanitaria xa a través de colectivos como a Federación de Asociacións Veciñais.
Baixo o título “Las promesas rotas del cáncer”, a revista Interviú publica unha documentada reportaxe sofre a realidade que viven os doentes desta enfermidade en Lugo: recorrer máis de 400 quilómetros para recibir o seu tratamento, posto que a Xunta de Galicia lles nega este servizo na súa provincia.
A reportaxe recolle a testemuña de “peregrinos de la sanidad” de Lugo, así como de Ceuta, que cruzan o Estreito para recibir Radioterapia en Algeciras, de Melilla, que se trasladan a Málaga, ou de Ibiza, que voan a Mallorca. “Condenados a hacer kilómetros” por “compromisos rotos como ha ocurrido en Lugo o en Ibiza donde, pese a los anuncios oficiales, los enfermos siguen esperando”, apunta.
A revista tamén publica a testemuña do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, que acompañou a doentes da provincia na ruta do cancro. Fíxoo logo de ser o primeiro representante político en participar na campaña de sensibilización da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo en reclamo de Radioterapia na provincia. Este colectivo convidou a representantes políticos de todas as cores a sumarse a esta iniciativa.