Mujeres en Igualdad Burela recolleu gran cantidade de alimentos e xoguetes doados polos participantes do Torneo Solidario de Pádel, organizado por Activity Center de Burela.
Todos os anos desde fai xa tres, Activity Center organiza este Torneo Solidario de Padel a favor desta asociación. Por iso, a súa presidenta, Mary Fraga, só ten palabras de “eloxio e agradecemento, xa que accións solidarias como esta, son fundamentais para conseguir poder abastecer a tantas e tantas persoas que o necesitan”.
Tamén recorda que este Nadal aumentaron as campañas solidarias que se están levando a cabo en toda a Mariña; pero “non debemos esquecer que a necesidade continúa tamén o resto do ano e que, polo tanto, tamén é preciso ser solidario os outros 355 días restantes”.
Sobre a actividade de Mujeres en Igualdade Burela recordan que “cada vez atendemos a máis persoas, unhas por violencia de xénero, xa que nesta asociación cubrimos as necesidades destas mulleres e os seus fillos desde o primeiro día, e outras como derivacións de Servizos Sociais para cubrir as necesidades máis básicas das persoas sen recursos de Burela. Temos que destacar, que nesta asociación, non recibimos ningún tipo de axuda económica nin en forma de alimentos, de ningún tipo de estamento para cubrir esta necesidade, xa que Mulleres en Igualdade Burela, creouse coa finalidade da atención ás vítimas de Violencia de Xénero e dos seus fillos a cargo, pero debido á gran demanda existente, vímonos obrigadas a estender estas axudas a máis persoas. É por iso que agradecemos calquera tipo de colaboración que nos poidan ofrecer durante todo o ano”.