Lugo, 9 de xaneiro de 2015. O voceiro do BNG e responsable dá Área de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, aproveitou a habitual rolda de prensa posterior á xunta de goberno para facer unha valoración sobre o 2014 no referente á Rede Museística Provincial e felicitouse de que “o 2015 é un ano que comeza ben, coa sinatura nos vindeiros días coa familia de Álvaro Gil do contrato para que regresen as pezas de ourivería prerromana ao Museo Provincial de Lugo”, sinalou Outeiro.
O responsable de Cultura e Turismo avanzou que, durante este ano, o Museo Provincial de Lugo centrará parte das súas actividades en divulgar o valor da colección de Álvaro Gil. “Para o ano 2015 temos pendente de realizar unha homenaxe á Álvaro Gil, algo que prometera hai un ano cando marcharon as pezas do museo. E non vai ser unha homenaxe única, senón que queremos homenaxear a todas as persoas que aportaron a súa colaboración para que o Museo Provincial de Lugo sexa a día de hoxe un dos referentes a nivel museístico en Galiza”, indicou un Mario Outeiro que apuntou que a sinatura do contrato cos Gil “aínda non ten data fixa, pero farase nos vindeiros días ou semanas”.
Máis atractivos que as pezas de ourivería
Mario Outeiro remarcou que o Museo Provincial ten moitos atractivos. “Cando marcharon as pezas, eu insistía en que o Museo Provincial non era só a colección de Álvaro Gil e creo que os datos de visitas así o atestiguan. O museo de Lugo, nun ano como o 2014 no que non estivo presente a colección de ourivería, aumentou o seu número de visitantes. Polo tanto, é moito máis que estas pezas, aínda que, evidentemente, a colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil é moi importante e o seu regreso énchenos de satisfacción, xa que, dende logo, este feito vai ser unha cuestión moi importante tamén de cara aos datos do ano 2015”, puntualizou.
Mario Outeiro felicitouse pola boa saúde da que gozan os catro museos integrados na Rede Museística Provincial. “Hoxe, calquera dos catro museos son, na súa contorna máis inmediata, os motores de actividades e de obradoiros culturais. En canto aos datos, foron bos nos catro, aumentaron en todos e, por suposto, hai que felicitar especialmente ao de San Paio de Narla, onde o crecemento foi case dun 25%, e ao Pazo de Tor, o último en incorporarse á rede, que medrou máis dun 20%”, lembrou.
Subida de visitantes nos catro museos da Rede
Concretamente, o número total de visitantes entre os catro museos chegou aos 101.557, medrando en 8.960 persoas con respecto ao ano 2014, un 9,66% de aumento en termos relativos. Como sinalou Mario Outeiro, as maiores subidas rexistráronse no Museo-Fortaleza San Paio de Narla e no Pazo de Tor. No caso friolense, as visitas medraron das 16.170 do ano 2013 ás 20.077 deste pasado 2014, un total de 3.907 persoas máis, o que supón un 24,16% de aumento. Mentres tanto, polo museo monfortino pasaron 1.281 visitantes máis (de 6.320 a 7.601, un 20,26% máis).
Máis pequenos foron os incrementos porcentuais no Museo Provincial e no Museo do Mar, aínda que en ambos tamén son moi positivas as cifras. O museo de San Cibrao foi visitado por 1.624 persoas máis (de 16.342 no 2013 a 17.966 no 2014), un 9,94% máis, mentres que a galería da cidade amurallada contou con 55.198 visitantes, 2.153 máis que no 2013 (53.765 persoas). Isto supón un aumento do 4%.
Recoñecemento cada día do ano a un colaborador do Museo do Mar
Mario Outeiro tamén explicou a iniciativa que se vai levar a cabo durante todo este ano no Museo Provincial do Mar, en San Cibrao. “Queremos render unha sincera homenaxe a todas as persoas que doaron pezas, obxectos ou documentos ao longo da historia e que hoxe forman parte das coleccións que atesoura este museo; benfeitores que colaboraron co museo con pezas que están expostas ou gardadas no almacén. Todos os días se homenaxeará a un deles e esta é tamén unha maneira de dar a coñecer pezas que non están hoxe visibles”, concluíu.