O Burela FS Pescados Rubén B abre 2015 poñendo o broche á primeira volta de Terceira División, na pista do 5Coruña FS. O partido da 13ª xornada está programado para o domingo, ás 12.30 horas (Barrios das Flores).
Tan só tres puntos separan os laranxas, que pechan a clasificación, da décima praza dos coruñeses (12 puntos). “É un partido moi importante; un resultado positivo pode afastarnos do fondo da táboa e daríanos moral para comezar a segunda volta con forza” puntualizou o adestrador burelista, Iván Cao ‘Lucas’, que definiu o partido como “un encontró de ti a ti ante un equipo tamén moi novo”.
Xunto ás baixas de Sergio Cora, en fase de recuperación da intervención de menisco, e Pancho, que sufriu unha escordadura de nocello a finais de ano, súmase a ausencia de Jorge Pernas, operado de apendicite a comezos de semana.
Segunda volta
Para comezar a segunda volta, o ADFS Bueu será o primeiro rival do cadro de Lucas, en Vista Alegre, o 24 de xaneiro, tras o descanso de Terceira na fin de semana do 17-18.