Jaime Cancio Rodríguez, como concelleiro na Corporación Municipal de Foz, presenta varias mocións para debater no vindeiro Pleno.
Por unha banda, recorda que “o Polígono Industrial non dispón de sinalización informativa algunha. Ademais, ten falta de sinalización vertical e horizontal de seguridade vial”.
Por iso, esixe a “elaboración dun proxecto para sinalización informativa e de sinalización horizontal e vertical de seguridade vial” e “facer proposta de convenio con XESTUR para financiar o proxecto mencionado”.
Noutro sentido, Cancio explica “que a rúa do Vicedo, titularidade da Deputación Provincial dende fai anos, só conta con beirarrúas nunha parte da mesma”. Ademais, as mencionadas beirarrúas “non teñan continuidade ata o paseo marítimo da praia de Llas sendo un claro prexuízo para os veciños dada a perigosidade que supón ter que camiñar pola propia estrada sen protección algunha”.
Por todo o exposto, Jaime Cancio pide á Corporación Municipal que inste á Deputación de Lugo para a elaboración e execución dun proxecto de paseo peatonal que aporte continuidade ás beirarrúas existentes “para que os veciños que polas mesmas se despracen, o podan facer con seguridade”.