Lourenzá, 20 de febreiro de 2015. Despois do pleno da corporación municipal de Lourenzá celebrado este venres o goberno local destacou que o Concello reduciu o período medio de pago das facturas aos provedores ata 8,76 días. Na sesión foi aprobado o presuposto municipal para este ano 2015, que ascende a 1.700.000 euros.
A voceira do goberno local, Lupe Flórez Seivane, explicou que no pleno deuse a coñecer que “o período medio de pago de facturas a provedores no cuarto trimestre de 2014 quedou establecido en 8,76 días. Tendo en conta que o período legal de pago son 30 días parécenos importante que os provedores do Concello estean cobrando nese período de pago tan curto e que se rebaixou drasticamente respecto a etapas anteriores, nas que estivéramos en máis de 200 días”.
Lupe Flórez tamén deu a coñecer que “coa á aprobación da ordenanza para a xestión da biomasa aceptamos a proposta que nos fixo chegar a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para establecer o camiño a seguir por parte do Concello no caso de ter que facer a xestión da biomasa que corresponde aos propietarios das fincas. Basicamente con esta ordenanza o Concello ampárase na Lei de Prevención de Incendios de Galicia 3/2007 e nas modificacións que fixo posteriormente a Lei de Montes 7/2012, onde se define que os propietarios destas fincas son os responsables da xestión da biomasa nas franxas de seguridade, tanto nos núcleos como nas zonas de casas illadas, e naqueles casos en que eses propietarios non se fagan cargo desa correcta xestión da biomasa será o Concello o que ten que asumir esa responsabilidade. Por tanto con esta ordenanza trátase de dotar ao Concello da legalidade que o ampare cando teña que limpar esas fincas que os propietarios non manteñan correctamente. Aprobouse cos votos a favor dos 6 concelleiros do PP e a abstención dos tres concelleiros do Partido Socialista”.
Tamén se aprobou unha proposta da Alcaldía para desafectar o inmoble destinado á lonxa agraria. “Basicamente baseámonos nun informe da comisión de seguimento desa lonxa, que é favorable á desafección xa que ven indicar que nos anos que leva funcionando nunca se utilizou como tal lonxa.
Polo tanto é un punto a favor para proceder a esa desafectación, o que implicaría que deixase de ser un ben de dominio público e pasase a ser un ben de carácter patrimonial do Concello, sempre mantendo un uso agrario de interese público. Este asunto foi aprobado por unanimidade dos 9 concelleiros presentes na sesión plenaria”, comentou a portavoz do goberno local.
Ademais “dentro das certificacións e documentos que se poden conseguir no punto de información catastral creamos un novo apartado para un documento denominado certificación descritiva gráfica con relación de colindantes, que terá un custo de 1,07 euros a páxina. Ata agora non había a posibilidade de obter este documento, posto que o certificado que se expedía a día de hoxe era o que contiña os datos protexidos e por tanto tiña un custo de 16 euros. Cremos dende o equipo de goberno que o feito de ofrecerlles aos veciños a posibilidade de ter a un prezo máis económico ese documento descritivo que é valido para moitas xestións supón un avance”, destacou Flórez.
Tamén sinalou que se aprobou o presuposto municipal deste ano 2015 cos votos a favor do Partido Popular e a abstención dos concelleiros do Partido Socialista. “É de 1.700.000 euros e, segundo o informe de Secretaría e Intervención, probablemente poidamos baixar ao longo deste exercicio os gastos en débeda, xa que aínda non temos a autorización do Ministerio para o refinanciamento das operacións de préstamo aprobado nunha sesión plenaria anterior e, por tanto, unha vez que chegue esa autorización ministerial probablemente se reflicta na baixada dos gastos que a día de hoxe temos pola débeda do Concello”.
A voceira do goberno municipal rematou a valoración do pleno comentando que “os últimos puntos da orde do día eran dúas mocións do concelleiro do Bloque Nacionalista Galego, que non asistiu á esta sesión plenaria e por tanto non foron tratadas polo resto de concelleiros presentes. Cremos que en certa medida é unha irresponsabilidade que a un pleno no que se abordan os presupostos e o que vai ser a vida económica do noso Concello neste ano 2015 non asista a totalidade de concelleiros da oposición, o que demostra un desinterese por parte dos ausentes”.






















A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este sábado na inauguración, onde destacou o valor desta iniciativa que leva “máis de vinte anos unindo ás persoas arredor do coñecemento, da experiencia compartida e do orgullo polo rural”.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.



