Santiago, 3 de marzo de 2015.- O Consello de Administración da empresa pública Xestur vén de adxudicar, no marco do concurso de venda de solo con prezo bonificado, un total de 3.456,51 metros cadrados no parque empresarial de Landrove, no concello de Viveiro.
A superficie adxudicada está repartida en tres parcelas, que van dos 1.133,76 aos 1.161,5 metros cadrados de superficie individual.
Unha vez rematado o concurso, as parcelas restantes poden ser adxudicadas directamente, inda que nas mesmas condicións e prezo establecidos polo prego de bases polo que se rexeu o concurso de venda.
No parque empresarial de Landrove quedan dispoñibles 26 parcelas, cunha superficie total de 53.550,62 metros cadrados. O prezo de venda, unha vez aplicada a bonificación do 50%, oscila entre 35 e 40 euros por metro cadrado.
As bonificacións sobre o prezo de venda serán de aplicación ás adxudicacións realizadas antes do 30 de novembro deste ano e para un máximo de 500.000 metros cadrados de solo vendido no conxunto dos parques empresariais propiedade de Xestur.
No parque empresarial de Barreiros adxudicáronse oito parcelas, cunha superficie total de 7.651 metros cadrados.
Neste parque quedan dispoñible para venda 19 parcelas, cunha superficie total de 21 312 metros cadrados e un prezo bonificado de entre 24 e 27,50 euros por metro cadrado. A superficie das parcelas oscila entre 560 e 3.710 metros cadrados.
Finalmente, en Cervo adxudicouse unha parcela de 24.442,00 m2 e outra en Foz, de 3.308,00 metros cadrados. No primeiro destes parques quedan 19 parcelas dispoñibles (33.663,41 m2), mentres que en Foz hai dúas dispoñibles (6.120 metros cadrados).
O prezo total das vendas en Viveiro, Barreiros, Cervo e Foz acada os 715.752,88 euros, o que supón unha bonificación de máis de 715.000 euros por parte da Xunta de Galicia, xa que a bonificación aplicada nestes parques empresariais é do 50%.
Novos incentivos
No conxunto de Galicia vendéronse neste concurso preto de 200.000 metros cadrados de solo empresarial, con bonificacións no prezo de ata o 50%.
Os adxudicatarios comprométense a construír as súas instalacións e obter licenza de actividade nun período de tres anos, polo que a adxudicación de solo suporá unha importante achega á economía da zona. Así, cos resultados da primeira fase de venda prevese un investimento de 105 millóns de euros e a creación de 3.500 empregos directos e indirectos.
En total presentáronse ao concurso 68 ofertas por un total de 90 parcelas emprazadas en 20 parques empresariais das catro provincias galegas.
Nunha segunda fase, o IGVS sacará a concurso bonificado o solo da súa propiedade en abril, sendo preto de 470.000 metros cadrados, con bonificacións de ata o 50 por cento.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



