Burela, 6 de marzo de 2015. Hoxe comeza a conta atrás para que Burela recupere un dos seus signos de identidade: o faro, que un temporal destruíu o 3 de marzo de 2014. Este mediodía no porto colocouse o cartel anunciador da obra e a estrutura do novo faro, que estará situada na punta do peirao, desde onde será trasladada en barcaza ata a pedra na que se levantará. O investimento a realizar é de 400.000 euros.
O alcalde, José Mª González Barcia, lembrou que “o día 3 de marzo do ano pasado o mar, a través dun temporal realmente impresionante, arrincou un dos símbolos máis importantes que temos os veciños de Burela: o faro. O faro que simbolizaba o camiño que este pobo tiña que seguir, o camiño que tiñan que seguir as xentes do mar para poder entrar no porto de Burela. Foi un día de moita tristeza para practicamente todas as persoas que aquí vivimos”.
González Barcia seguiu a relatar que “para o día seguinte, acórdome que era martes de Entroido, xa estivemos coas autoridades competentes vendo in situ cómo estaba o faro e planteando posibles solucións para o que quedaba. Desde o primeiro momento plantexamos a necesidade que Burela recobrase o seu faro baliza, que recobrase o seu faro exactamente igual que o que nos arrebatou o mar unhas horas antes. A partires de aí puxámonos a traballar en colaboración coa Autoridade Portuaria Ferrol-San Ciprián, en colaboración con Portos de Galicia e co Ministerio de Fomento. A propia ministra Ana Pastor se puxo en contacto conmigo, como alcalde, para coñecer o que pasou e para poñerse á nosa total disposición”.
O alcalde recoñeceu que “o traballo que se levou a cabo conxuntamente coa Autoridade Portuaria Ferrol-San Ciprián foi doado e teño que recoñecer publicamente a disposición continua e permanente desta entidade na persoa do seu presidente, José Vilariño, para que Burela contase co seu faro. Quero agradecerlles a Ana Pastor e a José Vilariño esa colaboración e ese compromiso para que Burela recuperase un dos seus emblemas, que está na bandeira e no escudo, pero sobre todo está no fondo dos nosos corazóns”.
José Mª González Barcia engadiu que “nós dixemos no seu momento que a nosa idea era recuperar o faro tal e como estaba anteriormente e estamos a punto de que isto sexa así. Os prazos que fomos dando se foron cumprindo. Nós avanzamos que a finais do pasado verán, no mes de setembro, sería presentado o proxecto e así se fixo. O proxecto presentouse na Casa do Concello o 30 de setembro do ano pasado. Se dixo tamén que antes do Nadal se adxudicaría a obra e así se fixo, foi adxudicada á empresa Marcor Xove e tamén se dixo que no mes de marzo si as cousas ían razoablemente ben poderían empezar as obras e así vai ser”.
O rexedor burelés contou que “hoxe se coloca o cartel anunciador da obra e hoxe se coloca a estrutura do que vai ser o faro, estrutura que vai estar colocada nos vindeiros días na punta do peirao de Burela e desde alí será trasladada en barcaza, ou polos medios que a empresa considere oportunos, cara a pedra para que dean comezo as obras despois de que se eliminen os restos da base do faro que aínda alí quedan”.
O investimento a realizar é de 400.000 euros: “é un investimento moi importante para os momentos económicos que estamos a vivir, é un esforzo moi imporante por parte da Autoridade Portuaria Ferrol-San Ciprián e eu creo que temos que estar satisfeitos todos os cidadáns deste concello porque un ano despois Burela empeza a recuperar, de forma física, un dos seus emblemas xunto co torques”. José Mª González Barcia engadiu que “nos preocupamos no equipo de goberno por conseguilo, creo que temos feito un bo traballo e só nos queda agardar a que as obras discorran con normalidade, que a meteoroloxía axude, que non haxa accidentes. Hai que darse conta de que as obras se fan no medio do mar, a pedra na que se asentará o faro está no medio do mar e o mar ten o que ten”.
Ata Burela se desprazaron hoxe o presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Ciprián, o presidente de Portos de Galicia, o subdelegado do Goberno en Lugo, e o secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, entre outros. Primeiro tivo lugar unha recepción ás autoridades no Concello e despois trasladáronse ata o porto burelés.