Burela, 6 de marzo de 2015. En Burela comezaron esta mañá nos CEIPs as actividades para conmemorar o Día da Muller. Neste venres leváronse adiante uns encontros lúdicos, deportivos e terapéuticos, dirixidos a mulleres e ás súas fillas e fillos menores, co fin de reforzar vínculos materno-filiais e socio-afectivos, reforzando o ocio e tempo libre conxunto de nais e fillos/as. As xuntanzas foron destinadas a nenos e nenas de terceiro ciclo. No Vista Alegre realizáronse de 10 a 11 da mañá e no Virxe do Carme de 12.15 a 13.15 horas. O Concello contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade para desenvolver esta xornada.
Mañá, 7 de marzo, haberá “unha sesión con nais e nena/os, dirixido tamén a nais e/ou nenas/os que desexen aprender a detectar signos da violencia de xénero. Esta 2ª xornada iniciarase as 10:30 horas na Casa da Cultura e desenvolverase ao longo de todo o día”, lembran desde a Concellería de Igualdade e Muller e desde o CIM .
Tamén este sábado terá lugar o acto institucional no salón de plenos do Concello. Ás 12 dará comezo coa lectura dun manifesto a cargo do alcalde, José Mª González Barcia. E a continuación actuación de Caxoto Contacontos, “que nos fará unha pequena reflexión da sociedade dende a perspectiva feminina”.
Ademais ao longo da mañá do sábado, 7 de marzo, a asociación Mujeres en Igualdad de Burela instalará unha mesa informativa na praza do Concello.
“E como vén sendo habitual, ás 14:00 horas sumarémonos á xuntanza organizada pola asociación de amas de casa Praia da Marosa, que como non podía ser doutro xeito, tamén celebra este día dende hai décadas”, engaden desde o Concello burelés.