Burela, 27 de marzo de 2014.- A Consellería de Educación investirá 429.000 euros en ampliar o IES Perdouro. O proxecto contempla a construción dun edificio cun novo taller para FP básica e dúas aulas taller. As obras comezarán no verán e rematarán en decembro. O alcalde, José Mª González Barcia, subliña que este venres é un moi bo día para o ensino de Burela.
O rexedor explicou que “o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, ven de confirmar o investimento por parte do seu departamento de 429.000 euros para a ampliación do IES Perdouro, que contempla a construción dun novo taller para FP Básica e dúas aulas taller. As obras levaranse a cabo na parte traseira do propio IES Perdouro, o proxecto estase a redactar e a intención é adxudicar a obra canto antes e así iniciala tamén o antes posible. Está previsto que as obras dean comezo no verán e que poidan rematar en decembro”.
González Barcia dixo que “o conselleiro ven de comunicarnos esta importante novo tanto ao director do IES Perdouro como a min mesmo, nunha xuntanza que mantivemos con el en Lugo”. No encontro tamén estiveron presentes a delegada territorial da Xunta e a xefa territorial de Educación.
O alcalde burelés lembrou que “este asunto nos fora planteado polo equipo directivo do IES Perdouro hai uns meses, nós fixemos xestións diante da Consellería e a dirección do centro tamén fixo as súas xestións, por suposto. Isto é moi boa noticia para os cidadáns de Burela e para todos aqueles alumnos e alumnas que querían cursar os seus estudios de FP ou que xa os están a cursar no IES Perdouro. E digo que é unha magnífica noticia porque nos tempos que corren que un centro aumente tres aulas cun investimento tan importante é para resaltar”.
José Mª González Barcia subliñou que “hai décadas que non se facían ampliacións en Burela, creo que a última foi a do edificio denominado de segunda etapa no colexio Virxe do Carme e diso hai anos. Se puideron facer reformas interiores, pero non se fixeron ampliacións deste tipo para a ubicación de novas aulas. É unha moi boa noticia para o mundo do ensino en Burela, significa que unha vez máis a Xunta, que preside Alberto Núñez Feijóo, está comprometida co ensino no noso concello, convén recordar que hai pouco tempo se lle cambiou a cuberta ao edificio nº1 do CEIP Vista Alegre cun investimento duns 100.000 euros, convén recordar que se está a tramitar na propia Consellería a substitución da cuberta do pavillón do colexio dos Castros, convén tamén recordar os investimentos que o Concello ten feito nos centros de ensino como por exemplo a pista descuberta do colexio dos Castros ou a próxima e inmediata reparación dos vestiarios do pavillón dese centro. En definitiva o que queda claro é a xestión importantísima e continua que este equipo de goberno ten feito ante a Xunta e ante a Consellería de Cultura e Educación”.