Burela, 23 de abril de 2015.- A Revolución Laranxa, a revolución dos humildes, o equipo que escribiu un capítulo máis con letras de ouro na historia do CD Burela FS Pescados Rubén despide a liga mañá na Bomboneira, coa visita do Montesinos Jumilla FS, ás 21.00 horas. Os mariñáns pecharán a tempada 2014-15, a do exitoso debut na Copa de España, con ganas de brindarlle unha vitoria á afección de Vista Alegre, unha cita coa que Juanlu Alonso, todo profesionalidade e compromiso, tamén concluirá a súa estancia na bisbarra. “Será un partido especial; non pode ser doutra forma tras dous anos e medio aquí. Aínda que seguramente me dea conta despois porque agora estou máis metido na batalla de gañar o partido, que é o obxectivo, que en pensar que é o meu último encontro aquí”.
O cadro laranxa defenderá a novena praza, con 34 puntos, fronte á décimo terceira dos levantinos (28 puntos). “Temos ganas de acabar ben y dar boa imaxe o último día; chegamos un pouco xustos, pero iso serviralles aos máis novos, de novo, para ter máis responsabilidade e seguir medrando” explicaba o adestrador burelista.
Á parte das ausencias xa coñecidas de Jorge Bellvert e Matamoros, por lesión, mañá será dúbida Miguel, que non puido adestrar durante a semana por unha rotura no bíceps femoral sufrida na recta final do partido en Tudela.
Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Behroz, 11.Chano, 13. Álex, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 27. Renato, 29. Ángel, 30. Hélder.