Está molesta a Señora Elena Candia e o PP local por mor da iniciativa que a Deputación de Lugo, co respaldo do goberno municipal auspicia en Mondoñedo, para dinamización do rural a través do tecido asociativo do Concello.
Laiase no canto de secundar e apoiar unha iniciativa positiva para a vida democrática e social do municipio ( a iso chamase altura de miras), e, xa de paso, lanza un parrafeo pseudopanfletario denostando a seria e rigorosa acción de goberno dos últimos 8 anos, e insultando a intelixencia das/dos mindonienses. Non se trata aquí de relacionarse todas e cada un dos investimentos realizados nos mandatos aludidos. Tan só voulle refrescar a súa fráxil memoria no tocante ás economías do Concello e poñer en valor unha xestión eficaz do goberno que presido.
Ao longo destes anos centramos a acción de goberno en dous obxectivos fundamentais; primeiro, normalizar e sanear a caótica e nefasta situación económica e contable herdada do goberno do PP, no que vostede participou. E, en segundo lugar, manter os servizos públicos ante a política de recortes sistemáticos que a dereita cavernícola que vostede representa aplica desde o Estado e desde a Xunta.
A día de hoxe, e vostede o sabe si mirou a liquidación do exercicio 2014, as débedas cos provedores están saldadas, a contabilidade ao día, a débeda viva controlada e o Concello conta con fondos líquidos importantes nas súas contas; é dicir, a economía do Concello esta controlada e saneada. Asemade, fomos quen de manter e reforzar os servizos e realizar importantes investimentos reais.
Señora Elena Candia, vostede cobra da Deputación 3.000 euros/mes (14 pagas ao ano) sen ter ningunha responsabilidade de goberno e, polo que un constata só para darlle ao pico sen veracidade. Se no canto de estar tanto tempo en Lugo conspirando para intentar facerse coa Presidencia da Deputación fóra mais construtiva e estivera máis implicada na política local sen gobernos paralelos infrutuosos e de exclusivo interese partidario, que non cidadán, outro galo cantaría.
Polo demais, deixe de cuspir sapos e cobras sobre os demais e demostre ter algo de mais nivel para os cargos que pretende, aínda que eu xa sei que cada un cuspe o que ten dentro. Controle a súa ansiedade.
ORLANDO GONZÁLEZ CRUZ
(Alcalde de Mondoñedo)




















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.



