Palas de Rei, 8 de abril de 2015.- Os secretarios Provincial e de Medio Rural – Juan Carlos González Santín e Horacio Rouco-, acompañados polo secretario Xeral de Unións Agrarias Galicia –Roberto García- e o profesor de Economía Agraria da USC -Francisco Sineiro-, participaron nunha charla informativa sobre a produción de leite sen cotas e a nova PAC na Casa da Cultura de Palas de Rei.
Na xuntanza analizouse a “crítica situación” que atravesa o sector lácteo, e que está a afectar especialmente á provincia de Lugo, pois é a maior produtora de leite de Galicia e incluso de España. Precisamente, e co fin de poñer en valor o traballo dos produtores e gandeiros lucenses, o secretario provincial lembrou que “os socialistas xa presentamos diferentes iniciativas no Parlamento galego, no Congreso, no Senado e incluso no Parlamento Europeo, para que o Goberno Central incorpore elementos básicos que deben estar presentes no novo decreto lácteo: que se garanta a recollida do produto, que os contratos coas industrias teñan unha duración obrigatoria de dous anos e que se modifique a figura do mediador, para que as súas competencias sexan reais e que a Administración teña un peso directo na negociación dos prezos do leite en España”.
Diante deste panorama, Franciso Sineiro lamentou “a falta de medidas de política agraria durante estes últimos anos para adaptarse a esta nova situación e a carencia dun plan estratéxico para o conxunto da cadea láctea, tal como teñen establecido outros Países europeos”.
Compromiso fonte a indefensión
Coa caída do prezo do leite en orixe moi por debaixo dos custos de produción, o escenario que se presenta para os gandeiros “non ten precedentes”: está só ante as grandes superficies a as súas marcas brancas, sen o apoio do Goberno. Pero ante esta situación, González Santín, en nome dos socialistas lucenses, reiterou o seu “compromiso cos gandeiros da provincia que están a sufrir o abandono dos Gobernos autonómico e estatal, que os manteñen nunha situación de indefensión fronte ás industrias”.
Para Francisco Sineiro, a produción de leite sen cotas “abre unha oportunidade de aumentar a produción, coa vantaxe de que boa parte pode ir destinada a cubrir o consumo no mercado español; pero ao tempo supón tamén unha ameaza de aumento das importacións doutros Países europeos, sobre todo, no caso de non cumprir as expectativas de exportación fóra da Unión Europea”.
No encontro que mantiveron con veciños e veciñas da Ulloa, explicaron que esta comarca se pode ver notablemente afectada pola supresión das cotas lácteas e a supertaxa, pois os tres municipios que a conforman –Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla-, xa que contan con 240 explotacións, que, cunha media de 216.000 quilos cada unha, producen máis de 51,8 millóns de quilos cada ano. “Por iso, fai falla unha acción coordinada e decidida das administracións coas competencias directas na defensa do sector lácteo, que evite aos gandeiros lucenses o pago de sancións millonarias por superar a cota”, explicou Rouco.
Perspectivas de futuro
Segundo explicou o profesor da USC, as perspectivas e o futuro da produción de leite en Galicia dependen de como se resolvan tres asuntos de especial relevancia: o primeiro é a mellora da competitividade na produción de leite, cunha maior produción de forraxes, que depende de dispoñer de máis terras, para reducir a dependencia nos alimentos comprados así como da adaptación da produción á nova situación dunha maior variación nos prezos do leite e dos concentrados. En segundo lugar depende da capacidade da industria para xestionar, procesar e colocar no mercado os aumentos de produción e, en último lugar, do establecemento dunha maior estabilidade nas relacións entre produtores de leite, as industrias e a distribución alimentaria para limitar os efectos da variabilidade nos prezos do leite.
Ningún agricultor nin gandeiro sen axudas
Os socialistas tamén son coñecedores das dificultades que estivo e está a sufrir o sector agrario polo constante aumento dos custes de produción derivados da suba do prezo dos cereais, do aumento dos custes enerxéticos e pola baixada dos prezos de venda. É este un dos motivos polos que o PSOE decidiu convocar esta charla en Palas de Rei, e colaborar así de forma activa para que ningún agricultor e ningún gandeiro queden sen cobrar ás axudas directas da Política Agraria Común.
Neste senso o secretario Xeral de Unións Agrarias afirmou que a aplicación da reforma da PAC en España é unha oportunidade perdida para facer un reparto máis xusto. Debido ás definicións realizadas polo Goberno do PP en Madrid as explotacións galegas veranse enormemente prexudicadas, tendo que conformarse coa idea de “non perder” cando poderían cobrar moito máis. A este respecto, o secretario de Medio Rural apuntou que “os nosos gandeiros e agricultores continúan sen ter as ferramentas administrativas e o apoio financeiro dos seus competidores directos”.
Fronte as declaracións dos alcaldes populares, que afirman que coas axudas asociadas á produción a axuda por vaca vai ser superior á que había ata o de agora, Roberto García explicou que “están ocultar que as explotacións deixarán de percibir a metade do pagamento único que viñan cobrando”. “Se este novo modelo de axudas non fose suficientemente inxusta para as explotacións galegas, o goberno de Feijóo estableceu criterios aínda máis restritivos que a norma estatal, o que suporá que se deixen de sementar cada ano máis de 16.000 hectáreas de millo”, engadiu. Isto supón unha perda da capacidade forraxeira da explotación e unha desvantaxe fronte ás explotacións doutras comunidades autónomas que se acollen á norma estatal pola cal cada agricultor pode escoller qué cultivo declara en cada recinto, o do verán ou o do inverno.
Retrasos nas axudas pola neglixencia do PP
A neglixencia da Xunta faise evidente tamén na xestión do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) cofinanciado por 889,8 millóns de euros do FEADER. Como denuncian desde UUAA, o goberno autonómico enviou o PDR á Comisión Europea para a súa aprobación sen cumprir co procedemento partenariado; é dicir, sen contar coa participación das distintas organizacións e axentes do medio rural. Por iso, a Comisión Europea non aprobou o PDR galego e enviou á Xunta un documento con centenares de observacións para a súa corrección. Actualmente o PDR está pendente da súa aprobación, o que retrasa a publicación das convocatorias das distintas axudas e polo tanto a execución de investimentos no medio rural.
Por outra banda, segundo explicou o representante de UUAA, a reforma da PAC supón a revisión do regulamento da Organización Común de Mercados que se caracteriza por un desmantelamento dos mecanismos de control dos mercados e só se deixa unha rede de seguridade que actuaría en caso de crise grave, como por exemplo unha crise como a das vacas tolas.
Máis dunha ducia de xornadas
Deste xeito, este encontro súmase a máis dunha ducia de xornadas informativas organizadas dende a secretaría de Medio Rural que dirixe Rouco, e que se viñeron celebrando cun gran éxito de asistencia no último ano para informar sobre estes asuntos en diferentes concellos da provincia.

















A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



