A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, avanzou este luns que a Deputación de Lugo aínda non recibiu resposta por parte da Xunta de Galicia á súa solicitude de programacións autonómicas da Consellería de Traballo. O organismo lugués solicitara, o pasado mes de febreiro, un total de 7 programacións -2 obradoiros e 5 accións formativas-, que facilitarían a inserción laboral de máis de 100 lucenses.
A Xunta de Galicia daba conta a través dunha nota de prensa, o pasado 30 de marzo, do listado de entidades locais lucenses ás que a Consellería concedera estas programacións, na que a Deputación de Lugo non figuraba. Á vista deste listado, a Vicepresidenta destacou que “temos que entender que non somos beneficiarios, o que en todo caso deben comunicar oficialmente”.
Malia esta obriga, Méndez lamentou que “mes e medio despois a Xunta non nos teña dado resposta algunha, nin positiva nin negativa”, limitándose a publicar un listado de Concellos beneficiarios. A Vicepresidenta lamentou que “á vista dos antecedentes da Xunta con esta provincia, temos que interpretar que a Deputación de Lugo quedou un ano máis excluída desta programación de fomento do emprego”. “Non é a primeira vez que Feijóo discrimina á provincia de Lugo, xa non en materia de emprego, senón tamén en termos de benestar, saúda ou infraestruturas”, denunciou Méndez.
Estes obradoiros eran dúas das sete programacións ás que a Deputación concorreu este ano: un obradoiro de 960 horas de formación e prácticas remuneradas para 16 lucenses, destinado á conversión do mirador de Mondoñedo nun albergue para peregrinos, evitando o desprazamento cara outras localidades de moitos dos centos de peregrinos que realizan cada ano o Camiño do Norte e que neste Concello mariñano tan só contan cunhas instalacións obsoletas con capacidade para só 24 persoas.
Deste xeito, a reconversión destas instalacións contribuiría á posta en valor do patrimonio lucenses e ao impulso da xeración de riqueza na Mariña. A realización deste proxecto facía imprescindible a colaboración da Xunta de Galicia.
Outro dos obradoiros solicitados pola Deputación era Revitaliza aos maiores da provincia de Lugo, encamiñado a corrixir as desigualdades na provincia ao ofrecer outras 960 horas de formación especializada a atención a maiores a 35 desempregados.