Riotorto, 18 de maio de 2015.- A denuncia presentada polo BNG en relación cos amaños realizados no concello de Riotorto para facilitar o voto a aquelas persoas ás que se lle ten diagnosticado demencia vive este luns un novo capítulo coa apertura de dilixencias informativas o que provocou que a Garda Civil do posto da Pontenova se puxese en contacto con diversas persoas co fin de iniciar a investigación sobre estes feitos.
Máis alá dos resultados da mesma ou das decisións que tome ao respecto a Xunta Electoral de Zona, consideramos necesario que se proceda a investigar a actuación do candidato do Partido Popular de Riotorto, Clemente Iglesias González, en relación con estes feitos pero tamén con outros que diversos veciños puxeron no noso coñecemento. Así consideramos necesario determinar as xestións deste xunto con outro candidato do PP en relación co arranxo do voto a dúas veciñas de Riotorto residentes nun centro xeriátrico dun concello veciño, e segundo varias versións foron trasladas en coche a oficina de correos desa localidade veciña para exercer o seu dereito voto, sendo evidente o estado de deterioro psíquico destas dúas anciáns. Asemade é necesario clarificar e investigar os amaños que o candidato do PP realizou na xestión do voto por correo, neste caso no concello de Ribadeo, con outros veciños de Riotorto residentes nesa vila, ata o punto, segundo as información que nos achegan, de ter exercido o voto sen cumprir coas formalidades que a lei electoral fixa para o voto por correo.
O BNG presentará na xornada deste luns un novo escrito diante da Xunta Electoral de Mondoñedo co fin de que a mesma impida o voto a aquelas persoas que o solicitaron por correo e das que hai constancia, pola certificación médica que acompaña a solicitude do voto, de que se atopan en estado de demencia, isto é, atópanse mermadas das facultades psíquicas que permiten discernir o sentido de voto, ter consciencia da opción electoral pola que se opta, e por conseguinte exercer o dereito de sufraxio nas condicións esixidas.