A Mariña, 11 de maio de 2015.- A responsable comarcal do Bloque Nacionalista Galego na Mariña, Ana Ermida, pide aos dirixentes do Partido Popular na comarca que “non presuman de Hospital porque nin Feijóo debe estar moi orgulloso do Hospital da Costa, porque a última vez que veu a Burela entrou pola porta de atrás do hospital”, lembrou Ana Ermida. “O Bloque non minte nin esaxera e todos os veciños e veciñas da Mariña ben saben como está a sanidade na comarca, porque a sufren, por moito que Balseiro e Barcia se empeñen en disfrazar a realidade”, afirmou a responsable nacionalista.
A responsable comarcal do BNG pregúntalle aos alcaldes e dirixentes do Partido Popular na comarca, e nomeadamente a Balseiro e Barcia, “máis empeñados en facer de parapeto da Xunta que en defender unha boa sanidade para os veciños e veciñas da Mariña”, se “é mentira que se reduciron médicos e persoal nos Centros de Saúde de moitos concellos ou se hai que seguir indo a Lugo, á Coruña ou a Santiago coma hai 20 anos para operarse ou tratarse de moitas doenzas ou simplemente para facer un bo número de probas diagnósticas”.
O Bloque insiste en pedir “unha atención sanitaria de calidade na comarca da Mariña” porque “os veciños e veciñas da Mariña temos dereito aos mesmos tratamentos e probas diagnósticas que teñen noutros lugares de Galicia sen ter que desprazarnos á Coruña, a Lugo ou a Santiago para recibir eses tratamentos”, afirma Ana Ermida, que denunciou que “segue habendo problemas no Hospital de Burela en servizos como o de Cardioloxía, onde se seguen anulando citas e hai enfermos que levan máis dun ano sen revisión, ou en Traumatolixía, onde hai doentes que esperan meses para poder facer unha resonancia”.
Por iso, Ana Ermida pídelles aos alcaldes e dirixentes do PP “que se poñan do lado dos veciños e veciñas da Mariña e reclamen o que é xusto, como fai o Bloque, unha atención sanitaria de calidade na nosa comarca” e esíxelles a Balseiro e a Barcia “que deixen de enganar á xente con pequenas melloras que son escasas e tardías porque o Hospital da Costa sigue tendo décadas de retraso con respecto a outros hospitais”.
O anuncio de ampliación de Feijóo carece de credibilidade
O BNG acusa do PP “intentar acalar as protestas da xente e as demandas de mellores servizos sanitarios poñendo en marcha servizos en precario como a Hospitalización a domicilio (HADO), con escaso persoal e incapaz de atender a a toda a comarca, ou o servizo de Oncoloxía, con persoal especializado prestado polo hospital de Lugo”, denuncia o Bloque.
En relación ao anuncio da ampliación do Hospital da Costa, feito por Feijóo, Ana Ermida afirma que “carece de credibilidade, porque Feijóo leva seis anos anunciando a ampliación do Hospital de Burela cada vez que hai unhas eleccións” e di que “en todo caso, non é nada extraordinario que se fagan obras nun hospital construído hai 30 anos”.
A sanidade, o primeiro
A responsable comarcal do Bloque reiterou que unha das súas prioridades políticas para os vindeiros catro anos en todos os Concellos do BNG será a defensa dos servizos públicos e nomeadamente dunha sanidade pública e de calidade na comarca da Mariña, tanto na asistencia primaria como na especializada e hospitalaria. Lembrou que nos últimos anos perdéronse facultativos nos centros de primaria de Ribadeo, Cervo e Xove e que os servizos de pediatría de Burela, Mondoñedo, Foz, Lourenzá, O Valadouro e Viveiro están colapsados ou atendidos por persoal non especializado.
“Fronte a estes recortes de médicos, os alcaldes e concelleiros do Bloque protestaron e os do PP non, é unha realidade que está aí e os veciños e veciñas destes concellos teñen que saber á hora de votar quen os defendeu e quen non, quen preferíu defender os recortes de Feijóo”, concluíu Ana Ermida.