Lugo, 8 de maio de 2015.- O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, aproveitou este venres a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación, unha das últimas antes das eleccións, para facer balance do traballo realizado polo BNG no Goberno da Deputación nestes anos. “Remata este mandato e é o momento de facer contas diante da cidadanía do traballo feito”, afirmou Veiga.
A presenza do BNG na Deputación desde o 2007 servíu para “democratizar a institución despois dunha época escura de décadas nas mans do Partido Popular”, afirmou o vicepresidente. “A Deputación abriuse, da man do BNG, a todos os cidadáns, todas as asociacións e todos os concellos da provincia. Que estivera o BNG servíu para instaurar outro xeito de gobernar, a favor da xente”, resumíu.
A presenza do BNG servíu tamén, afirmou Antonio Veiga, “para que a Deputación atendera os principais problemas e necesidades da provincia e, ademais de darlles solucións naquilo que era competencia nosa, reclamáronse solucións e apoio tamén a outras institucións”. Por exemplo, grazas ao BNG tratáronse no Pleno da Deputación cuestións como os recortes sanitarios, tanto nos hospitais de Lugo, Monforte e Burela, como na perda de médicos nos centros de saúde de moitos concellos da provincia, grazas ao BNG falouse na Deputación dos despedimentos en Vestas, Cosmos, Tablicia, Alimentos Lácteos, Hermida, Ecar ou Sargadelos e reclamouse apoio para os traballadores e traballadoras, grazas ao BNG puxéronse sobre a mesa as inxustizas cometidas cos desafiuzamentos, os emigrantes retornados ou as persoas afectadas polas preferentes”, lembrou.
O BNG aportou estabilidade e coherencia ao Goberno
A presenza do BNG servíu tamén para dar estabilidade ao Goberno, destacou o vicepresidente nacionalista. “Formamos co Partido Socialista un Goberno de coalición que funcionou ben e penso que así é percibido pola cidadanía, a pesares das nosas diferenzas en moitos temas, como recentemente no enterro con honores ao expresidente Francisco Cacharro, ou na compra de accións do Club Deportivo Lugo”, indicou.
“O BNG aportou coherencia, porque a política e as prioridades que desenvolveu o BNG desde a Vicepresidencia da Deputación coincide coa política que desenvolveron os gobernos e cogobernos municipais do BNG na provincia: Monforte, Póboa do Brollón, Pastoriza, Ribadeo, Mondoñedo e Riotorto. Os Gobernos nos que está o Bloque, ademais de facer xestión con transparencia son o escudo contra os recortes do PP e plantaron cara ás inxustizas do PP, que é algo que ten que facer tamén un alcalde ademais de xestionar, defender sempre aos seus veciños e veciñas. Esta maneira de gobernar dando participación é algo que se ten que extender”, defendeu o vicepresidente da Deputación.
Resarciuse a débeda histórica da Deputación con comarcas como a da Mariña ou a de Lemos
“O BNG foi o garante desde a Deputación dos pequenos concellos e das persoas que viven no rural, poñendo en marcha desde todas as nosas áreas de Goberno políticas encamiñadas á igualación de servizos, é dicir, a facer que as persoas que viven nos concellos do rural teñan os mesmos servizos que os das vilas e cidades. Tamén fixemos unha política redistritubiva con todas as comarcas, resarcindo a débeda histórica que esta Deputación tiña con comarcas como a da Mariña ou a de Lemos”
A Deputación foi insumisa á política de recortes
“O BNG foi insumiso ás políticas de recortes en servizos públicos ditadas polos Gobernos do PP na Xunta e no Estado e ano tras ano desde a Vicepresidencia da Deputación incrementamos os orzamentos destinados a paliar eses recortes, en ámbitos tan sensibles como os servizos sociais, a cultura ou o deporte”, destacou tamén Antonio Veiga, que puxo varios exemplos: “Na área de Benestar paliamos cos nosos cartos os tremendos recortes que a Xunta aplicou aos servizos sociais nos Concellos e ás axudas que recibían as asociacións e colectivos que traballan no eido social e da discapacidade. Mantemos convenios de colaboración e axudas con máis de 30 asociacións da provincia de Lugo que traballan nestes ámbitos, desde alzheimer, discapacidade, distintas enfermidades, cooperación ao desenvolvimento, etc. que en moitos casos fan o traballo que debía facer a Xunta e que Feijóo deixou tirados nos últimos anos retirándolles a axuda económica que recibían”, explicou.
A Vicepresidencia, motor cultural e deportivo da provincia de Lugo
O vicepresidente nacionalista destacou que “desde a área de Cultura fomos o verdadeiro motor cultural da provincia de Lugo e mantivemos a nosa colaboración constante con todas as asociacións e colectivos que fan cultura na provincia, recuperando a cultura propia e poñendo en marcha proxectos innovadores xa consolidados como o proxecto teatral Buxiganga”. Ao mesmo tempo, dixo que os museos que dependen da Deputación manteñen unha programación constante e diversificada e “conseguimos traer por fin, de volta e para sempre, a coleción de ourivería castrexa de Alvaro Gil de volta para o Museo de Lugo, a maior colección de ourivería castrexa de Galiza xa é patrimonio de todos os lucenses”, salientou.
En materia de Deportes, Veiga destacou que a Vicepresidencia da Deputación foi “o sostén de todos os clubs e equipos da provincia con liñas de axudas anuais a clubs e deportistas individuais”. “Se o deporte lucense goza neste momento de boa saúde é en parte grazas ao traballo do BNG na Deputación, iso é así e recoñéceno a maioría de clubs e deportistas da provincia”, afirmou. Pero ademais de apoiar aos clubs, desde a Área de Deportes fixéronse importantes investimentos en infraestruturas deportivas en moitos concellos e puxéronse en marcha novas competicións rescatando e revitalizando deportes de fonda tradición que estaban practicamente mortos, como o piraguismo, o remo ou o ciclismo.
“En Turismo, apoiamos as Catedrais na Mariña e a Ribeira Sacra, como principais atractivos turísticos das súas comarcas e puxemos en valor o noso patrimonio cultural e natural por toda a provincia para facer do turismo un dos sectores con máis potencialidades de creación de emprego”, defendeu Antonio Veiga.