Barreiros, 19 de maio de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego defende a “igualdade de trato” para os veciños e veciñas das parroquias do interior do concello de Barreiros con respecto aos das parroquias costeiras. Nunha reunión con veciños onte en San Xusto, a candidata do BNG á alcaldía de Barreiros, Ana Ermida, afirmou que “os veciños e veciñas de Vilamar, Cabarcos, San Xusto, Gondán, A Rilleira, Vilamartín ou A Insua pagan os seus impostos igual que os de San Cosme ou San Miguel, así que teñen dereito a ter os mesmos servizos”.
Ana Ermida explicou en San Xusto que o Programa de Goberno do BNG para Barreiros inclúe unha serie de medidas para “dinamizar as parroquias do interior do concello e dotalas dos mesmos servizos que as da costa”. Neste sentido, unha das principais propostas do Bloque é “a creación dunha rede de transporte que conecte as distintas parroquias do concello e permita aos veciños e veciñas das parroquias do interior desprazarse a San Cosme para acudir ao médico, ao banco ou a calquera dos servizos existentes na capital do Concello”. O Bloque tamén propón “achegar servizos ás parroquias do interior, como actividades, para o que propoñen “usar a rede de escolas, teleclubs e locais sociais existente” en cada parroquia.
Fomento do cooperativismo e diversificación do sector agrario
Para o BNG “o sector agrogandeiro e forestal segue tendo un importante peso en Barreiros e o Concello non lle presta neste momento nin a máis mínima atención”. “Fuente Parga parece que só pensa no turismo”, afirma Ana Ermida. Pola contra, o BNG propón realizar un plan de fomento e información sobre cooperativismo, emprego e desenvolvemento local que inclúa un servizo de asesoramento técnico e formación para a mellora e diversificación dos sectores agrario, forestal e marisqueiro. Ana Ermida propón servizos específicos para os gandeiros do concello, como a posta en marcha dun servizo de recollida municipal de plásticos agrícolas, que xa existen noutros concellos gobernados polo Bloque, como por exemplo en Ribadeo.
Os nacionalistas propoñen tamén a promoción dos produtos locais (leite, horta, etc.) en mercados de proximidade e como reclamo turístico, así como a creación dunha marca de calidade propia para promocionar os produtos propios e o concello e promoveranse e apoiaranse feiras e mercados, ou aquelas outras iniciativas innovadoras que faciliten a comercialización da produción local do sector primario. En definitiva, resume Ana Ermida, “poñer o Concello ao servizo das reivindicacións das produtoras e produtores para presionar na consecución de prezos xustos para os seus productos”.
Aproveitamento do monte e revitalización do sector marisqueiro
O BNG inclúe tamén no seu Programa de Goberno para Barreiros o “apoio a alternativas económicas para fomentar o aproveitamento do monte e do mar como oportunidade laboral (apicultura, froitos silvestres, algas, etc)”, con medidas como “a explotación da ría como alternativa económica e laboral, ligada ao marisqueo” ou a “xestión forestal conxunta, con mantemento e apertura de novas pistas forestais e habilitar cargadeiros para a madeira nas pistas para facilitar a saca”.
Mantemento continuado das pistas e viais municipais
O Bloque acusa ao actual alcalde, Alfonso Fuente, de ter “abandonadas as parroquias do interior, coas pistas nun estado lamentable por falta de conservación e desidia por parte do Concello”. Por iso, o BNG propón “o mantemento continuo das vías municipais e a elaboración dun Plan de reasfaltado en base a unha planificación e priorización previas e non en base a criterios de amiguismo do alcalde”.
Os nacionalistas propoñen tamén dotar ás parroquias do interior doutros servizos, como o inicio do saneamento e a mellora do servizo de abastecemento de auga. Tamén propoñen a construción de bocas de auga e depósitos contra incendios e dotar de tomas de auga e luz os cemiterios municipais.
Mitin central este mércores en San Cosme
O BNG de Barreiros celebra mañá mércores ás nove da noite o seu mitin central de campaña no centro sociocultural de San Cosme, coa do deputado do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo, a candidata a alcaldía de Barreiros, Ana Ermida, e o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga.