Santiago, 13 de maio de 2015.- O Parlamento de Galicia aprobou este mércores, cos votos favorables do PP, PSOE e BNG, a iniciativa do Grupo Popular solicitando un incremento de ata as 30.000 toneladas do continxente de lombos de atún que a Unión Europea pode importar ao cero por cento de arancel.
O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou que a iniciativa tiña por obxecto “apoiar as demandas formuladas pola industria conserveira galega, a través de ANFACO-CECOPESCA, representantes dun sector estratéxico desde o punto de vista económico e social xa que so en Galicia xera entorno a 12.000 empregos directos e representa o 2,8 por cento do Produto Interior Bruto”.
OS SINDICATOS DA CONSERVA A FAVOR
Os populares lamentaron que non fora posible aprobar a iniciativa por unanimidade ante a intransixencia de Alternativa Galega de Esquerda, que defendeu a supresión total deste continxente arancelario, empregando argumentos falsos como que suporía a destrución de empregos no sector.
Neste punto, o Grupo Popular lembrou que organizacións sindicais (como FITAG-UGT, maioritario no sector) defenden o aumento deste continxente e os beneficios que terá no ámbito laboral da conserva de lograrse un incremento do continxente arancelario de lombos de atún.
Desde o Grupo Popular se insiste en que o aumento deste continxente, que no anterior período se estableceu en 22.000 toneladas, evitará o desabastecemento das fábricas de conserva galegas e servirá como oportunidade para gañar en competitividade e valor engadido e ofrecer as condicións favorables para consolidar esta industria e o emprego a ela asociada.