Burela, 15 de maio de 2015.- O candidato do PSdeG á alcaldía de Burela, Alfredo Llano, anunciou que unha das primeiras medidas que tomará se goberna é eliminar as taxas polo uso de locais municipais que impuxo o Partido Popular, xa que prexudican ao movemento asociativo, cultural e deportivo da localidade. Ademais, como xa fixeron en varias ocasións con mocións no Pleno, os socialistas solicitarán unha revisión catastral. “A última é do ano 2006 e a situación actual difire moito da de entón, o que está a prexudicar aos veciños”, explicou Llano.
O alcaldable avanzou así mesmo que, ademais de suprimir as taxas municipais pola utilización de instalacións públicas do Concello, para apoiar o tecido sociocultural, educativo e deportivo, o PSdeG comprométese a “outorgar todas as axudas a colectivos por concorrencia competitiva, é dicir, en función duns criterios obxectivos de valoración establecidos previamente nas bases reguladoras que analizaremos coas propias asociacións, e debidamente xustificadas”.
No plano económico, Alfredo Llano tamén avanzou que realizará unha auditoría de todos os servizos municipais que hoxe están xestionados por empresas co fin de coñecer “a verdadeira situación das contas do Concello”. “Garantimos transparencia na xestión municipal, honradez e apertura de canles de participación”, asegurou Llano, “todo o que nos caracterizou cando gobernamos”.