MANIFESTO DO CPXG POLO DÍA DA LIBERDADE DE PRENSA
Un tsunami devastador está a arrasar o xornalismo, polo menos o xornalismo que coñeciamos. É unha onda de proporcións xigantescas, que ninguén viu vir e que, é verdade, ten que ver coa crise económica e coa popularización de Internet, cuns medios que construíron a súa economía de costas ás audiencias e por riba empezaron a regalar o noso traballo.
Para nós o máis doado é botarlle a culpa á crise e a Internet mentres lambemos as feridas e nos convencemos de que calquera tempo pasado foi mellor.
Pero a crise e Internet non son, nin moito menos, os únicos culpables do que pasou. Se nos molestamos en botar unha ollada un pouco máis alá veremos máis cousas. Como asalariados, gústanos pensar que a culpa é das empresas, incapaces de xestionar a crise, dispostas a entregarse en mans dos bancos e a abrazar os intereses creados da economía e a política, suicidas na súa forma de enfocar a globalización informativa da Rede.
Gústanos ser inocentes. Pero non o somos. Gustounos vivir créndonos a salvo. Véndonos semellantes aos que non eramos, convencidos de que o espello co que construíamos os nosos relatos tamén devolvía a nosa imaxe.
Polo camiño esquecemos que o periodismo é demasiado importante como para deixalo en mans dos xornais. Que a información é demasiado importante como para que a xestionen os propietarios das emisoras de televisión e os donos das radios. Esquecemos que o periodismo, máis alá do oficio e da técnica, máis alá do exercicio literario, é un compromiso, unha alianza cos cidadáns, un elemento central da democracia real. Un alicerce indispensable para a construción de sociedades libres.
Perdemos o fío, pasamos de ser a blindaxe fronte á demagoxia a aliados doestablishment, prisioneiros da axenda dos poderosos. Pechamos os ollos á perversión do noso traballo. Convertémonos en empregados e asumimos que a responsabilidade era doutros cando en realidade é nosa.
Asumámolo: somos culpables do que nos pasa. Só se o facemos, se nos armamos de humildade, se redescubrimos as nosas orixes, se recordamos a razón de existir do periodismo, se buscamos a luz dos que nos precederon na pelexa por construír sociedades xustas e ilustradas, só entón teremos unha oportunidade.
É hora de rebelarse contra os que se empeñan en marcarnos a axenda. É hora de deixar de ser gregarios e repetir todos a coro os mesmos titulares. É hora de retecer complicidades cos cidadáns, os únicos aos que debemos fidelidade e servizo. É hora de devolver o xornalismo ao corazón da democracia, de recordar que só así construiremos sociedades libres.
Que non vos enganen dicindo que o periodismo morreu. O que está a morrer é unha forma de facelo e é hora, por certo, de que o faga. De que o enterremos con dignidade pero sen unha bágoa. Dunha vez. É hora de que morra a vergoña do periodismo ao servizo dos poderosos. É hora de arrepor o periodismo de clic, ese que sacrifica os contidos relevantes no altar da banalización, que relega o transcendente para dar todo o espazo ao popular. A que dá prioridade ao superficial sobre o que resiste o paso do tempo, á última hora sobre o contexto, ao escándalo sobre a explicación, ao pensamento prefabricado sobre as zonas grises da realidade.
Se cremos que o que está en xogo é a nosa supervivencia laboral estarémonos a equivocar. O que está ameazado é moito máis importante que iso, é a posibilidade de construír sociedades mais libres e máis xustas nas que cidadáns formados poidan elixir, poidan tomar decisións debidamente informados.
Temos que reiventarnos. Achar a forma de manternos fieis ao que fomos, dignos da memoria do periodismo que nos fixo xornalistas. E iso non depende da tecnoloxía, depende da nosa capacidade de non perder de vista o sentido da nosa tarefa, a natureza da nosa misión. Mátannos en Somalia e en Iraq. Fannos prisioneiros en Exipto, en China ou en Rusia. Pero dalgún modo tamén nos encarceran en España cando nos perseguen por gravar a violencia policial, cando nos forzan a calar a identidade dos bancos que botan a xente á rúa, cando nos emprazan a elixir entre o salario e a verdade, cando pretenden que non podamos dar conta dos sumarios da corrupción. E se non dubidamos fronte á violencia, máis aínda debemos defendernos ante a iniquidade dos que mercantilizan o noso labor, os que nos prefiren dóciles, frívolos e falangueiros porque esqueceron que o noso deber non ten nada que ver coas contas de resultados nin coa perpetuación da orde establecida.
Rebelémonos. Miremos ao noso arredor. Abandonemos as historias gastadas, o periodismo acomodaticio, os faladoiros dominados polo ruído, os relatos feitos á medida. Colguemos o teléfono ás fontes interesadas e chamemos os que non teñen voz. Temos que reencontrar aquilo que merece ser contado, os feitos que nos transforman, os asuntos que marcan a diferenza, que nos fan mellores cidadáns e mellores persoas. Volvamos crer en nós mesmos porque a batalla non fixo máis que empezar. Temos que sentirnos orgullosos do que quixemos ser, do que fomos nalgún momento do noso exercicio profesional. Por nós, pero sobre todo polos que non teñen outra oportunidade, polos que doutro modo están condenados a permanecer invisibles.
Dicía Albert Camus que “a liberdade non é nada máis que unha oportunidade para ser mellor”. Son só doce palabras, pero encerran a razón de ser do periodismo. Fagámolas realidade.
Feliz día mundial da liberdade de prensa.
Fernando Varela é xornalista, redactor xefe do xornal dixital infoLibre e membro fundador do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.






















Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.



