Viveiro, 20 de maio de 2015.- Tal e como avanzamos no seu día, e dado o carácter aberto do noso programa, facemos achega da análise de infraestructuras e transporte público que sofre Viveiro, froito do debate asambleario da coalición e das aportacións recollidas das xuntanzas que mantivemos con colectivos e asociacións con diferentes inquedanzas.
Para contextualizar a situación actual que padece Viveiro, é preciso lembrar que temos conexión ferroviaria – mal aproveitada e extenuada case ata a súa desaparición – desde o ano 1968, ano da súa inauguración. Actualmente, e con todas as melloras que houbo, seguimos estando aproximadamente a dúas horas de viaxe se queremos desprazarnos por este medio a Ferrol, o que fai que quede relegado a usos de ocio e recreo, e non como un recurso prioritario que deberiamos usar para vertebrar Galicia e xerar o dinamismo movilizador que esixen os tempos actuais, tanto para o transporte de persoas como para o de mercadorías. O feito de que moitos tramos de vía sigan sen electrificar é indicativo de que desde as diferentes administracións non teñen nigunha intención de apostar por este medio de transporte que ben formulado podería ser unha alternativa de transporte económica e das máis sostibles medioambientalmente.
No tocante ao transporte por estrada, hai que lembrar ao señor Fraga e agradecerlle ao PP o ter decidido no seu momento levar a Autopista do Cantábrico por Vilalba, deixando gran parte da Mariña Occidental mal comunicada. No seu día, prometeuse a construción dunha vía de alta capacidade en lugar de autovía. O propio Feijóo, sendo conselleiro, comprometeuse a ter rematado o tramo de 8 quilómetros que pasa por Xove no 2007. Agora parece ser que o tramo Celeiro-San Cibrao estará rematado para o 2017, nada máis e nada menos que con dez anos de retraso desde as previsións iniciais.
No que respecta á variante de Viveiro, lembrar que a primeira información pública é do ano 2003, e desde entón nada foron capaces de facer os diferentes gobernos municipais do PSOE por desatascar esta situación e sacar a Viveiro da situación de illamento que sofre desde o punto de vista das comunicacións e infraestructuras. Entendemos que empresas como Portos de Celeiro, S. A., Vestas, López Pigueiras, etc., así como todo o pequeno comercio que vive en grande medida non só das veciñas e veciños de Viveiro senón tamén das persoas que deciden visitar a cidade, ben se merecen unha aposta decidida por mudar dunha vez esta situación e conectar Viveiro co resto da provincia e do país.
Por todo o esposto con anterioridade, dende SON VIVEIRO comprometémonos:
– A loitar por desatascar a actual situación que sofre a variante de Viveiro.
– A presionar á Xunta, asi como ao resto de administracións implicadas, para acelerar no posible a construción da vía rápida.
– Dinamizar no posible as conexión ferroviarias co resto da provincia para facer deste medio de transporte unha alternativa real aos desprazamentos por estrada.
– Estudar unha alternativa de transporte público para Viveiro e os seus arredores que minimice o uso de transporte privado tan estendido e normalizado na actualidade. O uso de transporte privado non é unha alternativa medioambientalmente sostible no tempo, así como tampouco é posible cubrir a maior demanda de prazas de aparcadoiro.
– Suprimir todas as barreiras arquitectónicas que hai no concello, facilitando a libre circulación de persoas. Os espazos urbanos teñen que estar pensados e deseñados para o goce das persoas na súa condición de peóns e non como condutores.
– Dinamizar o uso de medios de transporte alternativos como a bicicleta, creando espazos e priorizando a súa circulación aos vehículos a motor. Valoraremos a creación dun servizo de aluguer de bicicletas.