CIG Saúde A Mariña volve denunciar a política destrutiva en materia de contratacións, levada a cabo polo equipo xestor da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte nos Centros de Saúde da Mariña, caracterizada pola NON substitución das ausencias dos/as profesionais. Esta situación pon de manifesto o deterioro na calidade asistencial que se presta aos cidadáns e cidadás e o aumento do desemprego en todas as categorías profesionais da saúde da Comarca.
Neste contexto, un grupo de enfermeiras veñen de dirixirse á CIG -sindicato sanitario mais representativo-, para trasladar a súa indignación polo abuso sistemático ao que son sometidas pola Xerencia, en materia de contratos. Manifestan que son chamadas sistemáticamente, ofertándoselles contratos de un día a media xornada para asumir a carga de traballo de ata dúas consultas, responsabilizándoas das extraccións, control do sintrón, curas, inxectables, control e seguimento das patoloxías crónicas (hipertensión, diabetes…), educación sanitaria, vacinacións, atención a domicilio de doentes, etc. Cuns tempos máximos de 5 minutos por doente, algo totalmente inasumible nas catro horas de traballo polas que son contratadas.
Denuncian así mesmo a perversidade na utilización da contratación, tendo que asinar contratos por substitución de fóra do cadro de persoal, cando na realidade van substituír as ausencias de profesionais do centro, sendo o correcto a xeración dun contrato de substituto nominal. Deste xeito, a Xerencia evita o dereito do persoal contratado a continuar vinculado ata a incorporación do profesional ausente. As afectadas denuncian que a súa vida laboral chegou a un nivel de precariedade nunca visto ata o de agora.
Grave perda da calidade asistencial
Xunto a isto, subliñan que, á marxe do persoal sanitario, o/a principal prexudicado é o/a paciente. “Isto afecta gravemente á calidade asistencial. No caso de Atención Primaria, sobre todo aos crónicos, porque se nunca está o mesmo enfermeiro/a non se pode facer un seguimento axeitado e se a maiores, teñen que facerse cargo dos pacientes dun compañeiro/a, o tempo para atendelos diminúe”, afirman.
Este malestar súmase ás de enfermeiras/os, médicos/as de familia e pediatras de plantilla que se ven obrigadas a asumir os doentes dos compañeiros cando, en ausencia dos mesmos, a Xerencia decide non substituílos, creando graves dificultades de atención sanitaria na franxa horaria na que o centro se queda sen algún profesional que atenda o seu cupo asignado. Ás que hai que engadir as queixas do persoal non sanitario que ten que, identicamente, asumir a carga de traballo da compañeira non substituída.
Dende a Federación da Saúde da Mariña lembran que esta política de recortes está a provocar a diminución alarmante de traballadores e traballadoras na sanidade pública, desperdiciando persoal formado e preparado e ocasionando sobrecarga asistencial e menos calidade nos coidados das e dos cotizantes á Seguridade Social.
Desmantelamento intencionado da sanidade
Segundo CIG-Saúde, este é o modelo que o goberno de Feijoo e demais gobernantes do PP promoven e impulsan a través dos seus xestores da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte e que está a provocar o desmantelamento intencionado da atención sanitaria. É o modelo de non dar altas de afiliación na Seguridade Social, o modelo da destrución de emprego, o modelo do deterioro progresivo da Atención Primaria, asfixiando os seus profesionais co interese de trasladar á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostible, e deste xeito, entregar a mans privadas o tan ansiado negocio da sanidade pública.
CIG Saúde A Mariña esixe ao SERGAS que remate con estas perversas prácticas na contratación, que as ausencias de médicos de familia, enfermeiras e persoal non sanitario sexan cubertas na súa totalidade e con contratos nominativos (é dicir, que unha persoa substitúa a outra) e que aposten claramente pola sostenibilidade e defensa da sanidade pública.