A Mariña 8 de xuño de 2015.- A CIG-Ensino acusa á Consellaría de Educación de estar provocando un verdadeiro caos nos centros de ensino da Mariña coa publicación o pasado día 1 de xuño da orde que regula o fondo solidario de libros e a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto.
A secretaria na Mariña, Dores Fernández Abel, considera que a publicación destas ordes pon en evidencia a deriva da Consellaría de Educación neste tema, unha Consellaría desnortada que segue sen garantir a gratuidade dos libros de texto para todo o alumnado, especialmente nun momento de crise económica, que prexudica o funcionamento dos centros e carga de traballo administrativo ao profesorado.
A CIG-Ensino reclamoulle á Consellaría de Educación na mesa sectorial do día 2 de xuño que non se modifiquen os libros de texto, non só como medida de aforro para as familias, senón tamén porque a LOMCE é unha lei efémera e sen futuro, polo que os centros e as familias acabarían cargando cuns libros que deixarían de estar vixentes en poucos meses.
Por outro lado, cómpre considerar que no caso de secundaria é de todo punto inviable o cambio de libros ao non estar aprobado aínda o currículo correspondente, un currículo que foi rexeitado polo Consello Escolar de Galiza.
Ao mesmo tempo a CIG-ENSINO reclama a gratuidade dos libros de texto e de todo o material escolar mediante o sistema préstamo; gratuidade que debe ser universal e, polo tanto, abranguer tamén ao material e os libros de educación infantil e todo o ensino obrigatorio. Así mesmo, é urxente e necesario que se doten os centros de persoal administrativo necesario, de tal xeito que non se sobrecargue o profesorado con tarefas burocráticas e administrativas que non lle corresponden.
Finalmente, a CIG-ENSINO considera que a actual normativa sobre axudas para os libros é discriminatoria para moitas familias. Xa o ano pasado as ANPAS galegas e dos centros públicos da Mariña –que foron as que asumiron o funcionamento dos bancos de libros e que este ano rexeitan seguir levando- xa denunciaba que o sistema de axudas implantado pola Xunta resultaba ineficaz, inxusto e tremendamente custoso.
Dores Fernández Abel. Secretaria da CIG-Ensino A Mariña