Barreiros, 18 de xuño de 2015.- O BNG de Barreiros solicitará información sobre os regatos e ríos que abastecen de auga os depósitos municipais e a súa situación. Tras as problemáticas detectadas en días pasados, a formación nacionalista puido comprobar que o regato que abastece o depósito de San Miguel ten zonas nas que discorre atravesando pistas forestais, co que a contaminación da auga é algo complicada de evitar, desde o momento en que calquera que utilice a pista vai atravesar o regato.
Segundo o BNG, “esta situación prodúcese por unha falla de mantemento da canalización efectuada no regato” xa que, segundo puideron comprobar os nacionalistas, “existen uns tubos de canalización que se atopan totalmente atascados, sen que se atope a entrada dos mesmos, polo que o regato xa non discorre por eles. Deste xeito, a auga modificou o percorrido e atravesa á vista a pista forestal que é utilizada por calquera persoa que pretenda acceder aos montes aos que dá servizo”, explica a portavoz municipal.
Desde o BNG consideran que o goberno municipal debe facer un seguimento das captacións de auga e garantir un mantemento das instalacións que permita que o abastecemento dos depósitos se produza en condicións óptimas e, “en todo caso, o que non se pode é botar balóns fóra e culpabilizar a terceiras persoas da falta de mantemento das instalacións municipais e menos cando se ten contratado algunha empresa para facer a limpeza e mantemento dos depósitos, co que se supón deberá facerse un recoñecemento de cómo están as captacións.”
Ana Ermida informa de que solicitarán a información que teña o concello sobre os regatos e ríos dos que se nutren os depósitos municipais de abastecemento e a situación dos mesmos: se se atopan canalizados, o estado desas canalizacións, etc.
Desde a formación nacionalista pedirán tamén que se elabore un inventario da situación e, en base ao mesmo, un plan de actuacións que garanta a correcta captación de auga de cara a evitar problemas que derivan da falta de mantemento ou do descoñecemento da situación das mesmas.
O traballo de educación e posta en valor medioambiental en Barreiros está todo por facer
A portavoz municipal sinala tamén que os problemas medioambientais que se poden xenerar como consecuencia da desidia e a falta de actuación do goberno municipal “debería ser a principal preocupación do alcalde e non tratar de sacar tallada dunha polémica na que el nada ten que aportar e na que se dedica a actuar de escudo humano da representación da Xunta.”
Desde o BNG barreirense, pídenlle a Alfonso Fuente que solucione definitivamente os problema de verquidos da praia de Arealonga que, outro verán máis, volverá a agromar en poucos días. Ou que se poña a traballar por elaborar plans de protección do Santo Estevo do Ermo, como solicitou a sociedade barreirense e foi aprobado xa dúas veces en pleno a instancias do BNG ou a poñer en valor o río Masma. “Certamente, o alcalde de Barreiros ten moito a que atender no seu concello e sería bastante máis útil traballando para el que facendo méritos diante dos seus xefes e xefas políticas. O traballo está todo por facer: non ten por que pretender coller competencias impropias como a sancionadora en materia medioambiental ou a xestión dun espazo que non lle compete. Se quere, hai moito traballo de educación e posta en valor en materia medioambiental no noso concello”, conclúen.


















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



