Lugo, 30 de setembro de 2015.- A titular da Deputación de Lugo, Elena Candia, participou este mércores na presentación dunha nova edición de Expolugo, feira de mostras que se celebrará os días 3 e 4 de outubro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
Xunto coa presidenta da Deputación tomaron parte no acto o deputado de Medio Rural, José Ulla, así como Rubén López, xerente do Pazo de Feiras. Na súa intervención, Candia quixo destacar a importancia desta mostra, que “xa consolidada dentro do sector, é de feito un referente non só na nosa provincia, senón tamén en todo o noroeste peninsular”.
A presidenta tamén subliñou a importancia do evento, por ser “revulsivo para o sector que actualmente está a pasar por unha situación difícil”, e que “necesita de apostas e implicacións conxuntas”. Elena Candia fixo extensivo este apoio ao evento que reunirá, durante a fin de semana das festas do San Froilán, a un numeroso público atraído polos exemplares de diferentes razas autóctonas (vacún, cabalar, porcino…), maquinaria agrícola e artesanía que estarán presentes os dous días de feira.
Pola súa banda, o deputado delegado de Medio Rural, José Ulla, explicou que, pese a que a Deputación non ten competencia nesta área, “a importancia que ten para nos o rural levounos a crear unha área de Goberno específica a través da que canalizar o máximo esforzo e apoio a este sector”. Neste senso, Ulla citou a importancia “coñecida por todos, que tiñan as feiras municipais cun obxectivo comercializador, o que debemos seguir potenciando, e a mostra Expolugo é un exemplo de traballo neste senso”.
Expolugo
O xerente do Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo, Rubén López, encargouse de presentar o contido de actividades nesta edición de Expolugo. Explicou que esta mostra pasou por varias fases. “Partiu dunha feira de gando tradicional fai corenta ou cincuenta anos, referente para todos na provincia e noroeste peninsular, e pasou á feira que se celebraba na zona de Frigsa, que deu continuidade no Pazo de Feiras”.
Rubén López tamén quixo agradecer a implicación de “dous apoios claros, o da a Deputación e o de diferentes asociacións gandeiras, que son os verdadeiros protagonistas. Esta sinerxía é fundamental para que Lugo siga sendo un referente neste eido”.
Con máis de 10.000 metros cadrados de ocupación, Expolugo contará cunha mostra gandeira na que tomaran parte, entre outros, Asoporcel (Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta); a Asociación do Cabalo de Pura Raza Galega; Ovica e Asovega, Ovella e Cabra Galega; Boaga, vacas das razas Cachena, Vianea e Limiá; Acruga (Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de raza Rubia Galega); Avimós, asociación de criadores de pita de Mos, así como a Asociación de Criadores de Can de Palleiro. A mostra contará tamén cunha zona destinada ao III Concurso-exposición Provincial da Galiña de Mos, no que tomarán parte uns 200 exemplares desta ave.
Na feira de mostras haberá un espazo comercial e institucional que contará coa presenza de empresas relacionadas co sector, así como unha mostra de artesanía na que diferentes artesáns farán demostracións en vivo e o público poderá adquirir pezas de tear, coiro ou madeira. Tamén haberá un mercado de alimentación con produtos elaborados con animais de razas autóctonas, entre outros. A entrada á feira é totalmente gratuíta.
Programa de actividades
O programa de actividades de Expolugo 2015 iníciase o sábado, ás 12:00 horas, co desfile de gando pola cidade de Lugo. Participarán no desfile con exemplares de animais as asociación de Cabalo de Pura Raza Galego; Asoporcel, Acruga, Boaga, Galiña de Mos, Asovega, Can de Palleiro e Agamac, cun tractor antigo restaurado. A saída terá lugar dende a Porta de Obispo Aguirre, continuando ata a Porta de Obispo Izquierdo, Concello de Lugo e Franciscanos, para rematar en Obispo Aguirre.
A inauguración Oficial de Expolugo será as 13:30 horas. O sábado día 3 inclúe actividades como é o concurso de Gando de Raza Rubia Galega, ás 16:30 horas. Este ano haberá un récord de cabezas de gando que chegaran ás cen. Ás 18:00 horas será a entrega de diplomas e clausura do Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega. Outras das actividades programadas son o III Concurso Exposición Provincial da Galiña de Mos e o Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega.
Pola súa banda, o domingo día 4 de outubro, celebrarase ás 12:00 horas unha exhibición de rescate de persoas con cans adestrados realizada polo Servizo Cinolóxico da Garda Civil; ás 14:00 horas unha degustación de balde por xentileza de Boaga (Galo de Mós, Boi Vianés, Tenreira de Raza Cachena) e ás 17:00 horas será o espectáculo de Cabalo de Pura Raza Galego presentado por Xacobe Pérez Paz. Ao longo do día tamén se celebrará un obradoiro de tarefas do liño a cargo da Asociación de Mulleres de Insua. A clausura será ás 21:00 horas.























O evento celebrarase este sábado 25, de abril, na capital lucense. Durante a xornada matinal, o alumnado asistirá a clases impartidas por profesionais de distintas disciplinas, tanto do ámbito da danza clásica como da moderna. Pola tarde, ás 19:30 horas, o grupo da EMMeD subirá ao escenario do Auditorio Gustavo Freire xunto aos demais centros convidados, nunha actuación que servirá como peche desta xornada de convivencia e intercambio artístico.
Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
O curso, impulsado polo Principado de Asturias, desenvolverase en modalidade semipresencial con sete sesións presenciais na Sala El Pajar de As Quintas (A Caridá), en horario de 16:00 a 19:00 horas. A formación é de nivel básico e está aberta tanto a persoas sen experiencia previa como a quen queira iniciarse na fala. As inscricións poden realizarse a través da plataforma da Federación Asturiana de Concejos. O Concello destaca que esta iniciativa contribúe á preservación do patrimonio lingüístico e cultural do territorio.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.



