Burela, 21 de setembro de 2015. Este martes rematan as actividade da Semana Europea da Mobilidade, que se viñeron celebrando en Burela desde o pasado día 16. A celebración do día sen coches este domingo foi un éxito.
O alcalde, Alfredo Llano, e a concelleira de Medio Ambiente, Noelia María Ben, presenciaron as actividades que se levaron a cabo na rúa, visitaron o stand de Mulleres en Igualdade, situado na praza da Mariña, e participaron nos xogos con globos de auga (nas rúas pechadas ao tráfico) e posteriormente asistiron á actuación da Coral Polifónica de Burela na praza da Mariña.
Nas rúas cortadas ao tráfico houbo xogos deportivos, canastras, mesas de ping-pong, futbolín e porterías, que fixeron as delicias dos asistentes, así coma a colchoneta inchable instalada na praza do Concello e o acto no que participaron xogadores e xogadoras do Burela FS. Na praza da Mariña instaláronse varios stands de asociacións e colectivos de Burela. A xornada rematou coa merenda infantil, que patrocinou a Acia local, e coa actuación dos grupos Batuko Tabanka, Rabentola e Aman.
Este luns e tamén este martes haberá varias actividades como: charlas obradoiro, circuíto de karts e xogo xigante de mobilidade.